As protestas do "convoi pola liberdade" deixan en París polo menos 54 detidos
As protestas do "convoi pola liberdade" deixan en París polo menos 54 detidos
Malia a despregadura de máis de 7.000 xendarmes houbo agrupamentos baixo o Arco do Triunfo e na praza de Italia, con lanzamento de gases lacrimóxenos
Francia mobilizou este domingo milleiros de policías para evitar que os manifestantes accedesen á capital e lograron interceptar uns 500 vehículos que intentaban entrar en París.
Pero algúns partidarios da "caravana pola liberdade" lograron esquivar os controis impostos nas proximidades de París e desafiaron os axentes nos Campos Elisios e ante o Arco do Triunfo.
Os xendarmes arrestaron en distintos incidentes 54 participantes nas protestas de camioneiros contra as restricións fronte ao coronavirus, inspirados no movemento que logrou bloquear Otawa, no Canadá.
Cinco dos detidos pasaron xa a disposición xudicial por posesión de instrumentos para guindar pedras contra os xendarmes. Hai concentracións en distintos puntos da capital francesa.
En París están mobilizados uns 7.000 xendarmes e policías e nalgúns momentos xa empregaron material antidisturbios para evitar concentracións baixo o Arco do Triunfo ou nos Campos Elisios.
O presidente Macron segue con atención este novo movemento de protesta a dous meses da primeira volta das presidenciais para as que, aínda que non se declarou candidato de xeito oficial, encabeza todas as enquisas.
Aproveitou unha entrevista realizada o sábado pola noite para pedirlles calma aos manifestantes e dixo entender a fatiga dos cidadáns polas restricións ligadas á covid.