Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso

Medio Rural comunicou este venres que xa non se darán máis permisos e os concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento

A Xunta pide a colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento

G24.gal 29/04/2022 10:54

As queimas agrícolas e forestais realizadas por particulares quedan prohibidas "desde este momento e ata novo aviso" debido ás potenciais complicacións derivadas das condicións climatolóxicas.  

A Consellería do Medio Rural comunicou este venres que xa non se darán máis permisos e os concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento. Só quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispondo dos medios de extinción precisos. 

A Xunta informou de que toma esta decisión despois de avaliar a evolución da situación meteorolóxica e "unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume".   

Argumentou que a normativa -Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboación forestal- prohibe as queimas en canto as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control. 

A Consellería do Medio Rural pediu colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento. Ademais, o departamento que dirixe José González lembrou que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade