Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alfonso Rueda: "A conexión ferroviaria con Europa pasa por Euskadi e por Francia"

Alfonso Rueda: "A conexión ferroviaria con Europa pasa por Euskadi e por Francia"

As rexións cantábricas queren ser un 'lobby' en defensa do seu papel en Europa e das conexións co continente

O Corredor Atlántico e o atraso da conexión ferroviaria con Francia centraron o cumio de Vitoria

Os presidentes de Galicia, Euskadi, Cantabria e Asturias suman forzas para que a "marcorrexión" traballe para evitar o desprazamento do eixo de influencia europeo cara ao leste

G24.gal 13/03/2023 10:43 Última actualización 13/03/2023 15:21

As rexións do Cantábrico que forman parte da Comisión do Arco Atlántico analizaron este luns en Vitoria estratexias para impulsar conexións ferroviarias, eléctricas, gasísticas e de hidróxeno entre estas comunidades e, a súa vez, con Europa.

Foi nun encontro no que un dos temas centrais que estaban enriba da mesa eran o Corredor Atlántico e o atraso do treito francés de alta velocidade para a súa conexión a través de Euskadi.

A cita foi convocada polo lehendakari, Iñigo Urkullu, quen apostou pola creación dunha "macrorrexión" que traballe como "lobby atlántico que mobilice as institucións e os actores socioeconómicos".

Urkullu, que reuniu na súa residencia oficial aos presidentes de Galicia, Alfonso Rueda; de Asturias, Adrián Barbón; e de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, advertiu de que "o desprazamento do eixo de influencia europeo cara ao leste fai que o foco de Euroa comece a virar" e que estas comunidades "corren o risco de quedar fóra" dese foco "nas relacións e a toma de decisións estratéxicas".

Esixiu o lehendakari que a Comisión Europea e o Goberno español "fagan todos os esforzos" para que Francia cumpra co seu compromiso para conectar Bourdeos con Dax e porteriormente con Hendaya en 2023 e non o atrase. Doutro xeito os esforzos que se fagan por conectar o norte peninsular con Europa serán inútiles se Francia non fai a súa parte.

Reunión en Ajuria Enea dos presidentes de Euskadi, Galicia, Asturias e Cantabria (EFE/David Aguilar)

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou na súa intervención como a unión de comunidades de distinto signo político, representadas hoxe en Vitoria por catro presidentes de catro formacións políticas, podía servir para lograr obxectivos comúns.

Sinalou tamén como fundamental esa conexión ferroviaria e enerxética a través de Euskadi con Europa. "A conexión ferroviaria con Europa pasa por Francia e por Euskadi", insistiu o presidente galego, quen deixou claro o seu total acordo para "exercer formulacións conxuntas para conseguilo".

A mesma vía defendeu para a canalización do hidróxeno. "Niso tamén somos aliados e apoiamos unha postura conxunta de forza", subliñou.

Sobre o Corredor Atlántico Noroeste ferroviario, xa Xunta de Galicia sinalou recentemente que debe ter un tratamento específico e non quedar "diluído" na infraestrutura prevista para conectar Alxeciras co norte. Así, Alfonso Rueda reclamaba ao Goberno central que multiplicase por oito o investimento previsto.

Na xuntanza deste luns en Vitoria o lehendakari expresaba que esa infraestrutura na súa variante noroeste contaba con todo o apoio das rexións do Cantábrico.

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana destacou recentemente que a aposta do Goberno central polo Corredor Mediterráneo e o Atlántico é a mesma, por financiamento e porque ambos os proxectos serán desenvolvidos de forma paralela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos