As rosas vermellas son o agasallo máis estendido no día de San Valentín
Non só se fan regalos á parella, tamén a nai ou a outros familiares
As mulleres só fan o 25 ou 30 % dos agasallos
Hoxe é día de San Valentín e moitos deciden agasallar as súas parellas cunha xoia, bombóns ou flores. Nunha florería, o que máis se vende son rosas vermellas.
"A rosa vermella é o noventa por cento. É a que máis demanda ten", di Antón Louzao, propietario da florería Lilas de Santiago.
"Ten predilección polas rosas, e voulle mercar unha, si", di un cliente.
Tamén a maioría merca para agasallar a súa parella, pero non todos.
"Cando nos mandan dedicar as tarxetas por teléfono hai moitas para as mamás, para as avoas.... Non tanto como para a parella, pero vai habendo un pouco de todo", confirma Louzao.
Case todos son homes, e aínda que cada vez máis mulleres se suman a este costume de regalar por San Valentín, a porcentaxe segue sendo baixa.
"Sempre me regala o meu marido, pero como sempre me regala el e eu ás veces non lle regalo, pois hoxe dixen, veña, voulle mercar unha floriña", conta unha muller.
Hai varias versións sobre a orixe desta celebración, unha das máis estendidas di que o 14 de febreiro honra a memoria dun sacerdote chamado Valentín que no século II desobedeceu a prohibición de casar mozos en idade militar. Casábaos ás escondidas, e cando o descubriron, condenárono a morte. Foi lapidado tal día coma hoxe.