Publicador de contidos
Publicador de contidos

Albíscase un cambio de ciclo nas eleccións lexislativas deste xoves no Reino Unido

Albíscase un cambio de ciclo nas eleccións lexislativas deste xoves no Reino Unido

Os laboristas prepáranse para reconquistar Downing Street despois de 14 anos de gobernos conservadores

Keir Starmer podería arrebatarlle o poder ao actual primeiro ministro Rishi Sunak, moi tocado por unha economía en declive debido ao brexit, a covid e a guerra de Ucraína

O líder laborista Keir Starmer e o primeiro ministro británico Rishi Sunak durante un debate electoral celebrado na BBC en Nottingham (Phil Noble / PA Wire / dpa) O líder laborista Keir Starmer e o primeiro ministro británico Rishi Sunak durante un debate electoral celebrado na BBC en Nottingham (Phil Noble / PA Wire / dpa)
G24.gal 03/07/2024 12:22 Última actualización 03/07/2024 13:21

O Reino Unido celebra este xoves eleccións xerais e, segundo os expertos, todo apunta a que haberá un cambio de ciclo. Ningunha sondaxe pon en dúbida a vitoria laborista despois de 14 anos de gobernos tories e unha época convulsa na que a residencia oficial de Downing Street foi ocupada por ata tres primeiros ministros en apenas cinco anos.

Serán os primeiros comicios que se celebren tras a saída do Reino Unido da Unión Europea. O gran favorito é o líder laborista, Keir Starmer, que foi gañando popularidade a conta dun Partido Conservador moi tocado polo brexit e pola controvertida xestión política realizada por Boris Johnson durante a pandemia.

Starmer tentará desaloxar de Downing Street ao actual primeiro ministro Rishi Sunak, que chegou ao poder en outubro de 2022 co propósito de relanzar a economía británica e fixo do endurecemento das políticas migratorias unha das súas medidas estrela. 

O candidato laborista encara os seus primeiros comicios con moi boas expectativas. A intención de voto para o principal partido opositor disparouse e roza xa o 40 por cento, xusto o dobre do que as sondaxes dan a Sunak.

O descontento coa xestión realizada polos conservadores subiu tamén a ultradereita de Nigel Farage, que ten opcións de conseguir representación.

Como funciona o sistema electoral do Reino Unido?

O Reino Unido está dividido en 650 circunscricións, tantas como escanos conforman a Cámara dos Comúns. En cada unha delas elíxese un único candidato, de tal maneira que os votos dos aspirantes derrotados non suman de ningún xeito para o seu partido.

Dos 650 deputados, 543 pertencen a Inglaterra, 57 a Escocia, 32 a Gales e 18 a Irlanda do Norte. Con este sistema, bautizado co termo inglés first past the post, non existe a obriga de obter unha maioría absoluta para gobernar nin celebrar segundas voltas. O líder do partido que obteña máis representantes convértese automaticamente en primeiro ministro. 

Cronograma da xornada electoral

Os colexios electorais estarán abertos no Reino Unido desde as 7:00 ás 22:00 (hora local) do xoves, para que todas aquelas persoas de máis de 18 anos que están rexistradas poidan exercer o seu dereito ao sufraxio. En 2019, a participación foi do 67,3 por cento.

Unha vez se dean a coñecer os resultados das 650 circunscricións, o venres o rei Carlos III deberá recibir e avalar o futuro xefe do Goberno británico. Será a primeira vez que se enfronte a esta responsabilidade. A súa nai, a raíña Isabel II, conviviu con 15 primeiros ministros durante o seu longo reinado.

Prevese que o novo primeiro ministro británico se instale na residencia oficial do número 10 de Downing Street xa esta fin de semana. As urnas dirán se Sunak terá que facer as maletas logo de case dous anos no cargo ou se sobrevive a uns comicios con aroma de cambio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade