Publicador de contidos
Publicador de contidos

As treboadas provocan danos nos viñedos do Ribeiro

As treboadas provocan danos nos viñedos do Ribeiro

As zonas entre Beade e Carballeda de Avia, Castrelo de Miño ou Boborás son algunhas das máis afectadas

G24.gal 05/06/2023 14:40

Se a semana pasada as tormentas estaban a ameazar a colleita da pataca e do cereal na Limia, na zona do Ribeiro son os viñedos os que tamén está a sufrir danos importantes. Os danos provocados polo pedrazo afectan a distintas zonas da comarca do Ribeiro. É o caso de Beade, Carballeda ou Castrelo, por exemplo. Non é xeneralizado, pero aí calculan que a sarabia estragou entre o vinte e o trinta por cento da produción. A treboada trouxo pedra, pero tamén moita chuvia, como a caída onte en Ribadavia ou no Carballiño. 

Foi contra a media tarde cando chegou a treboada ao Carballiño. Aquí a chuvia intensa mesmo chegou a levantar o pavimento nesta rúa nas proximidades do Balneario.

"Dende as cinco da tarde ata as oito houbo asolagamentos en baixos, tapas de sumidoiros levantadas e moitas rúas asolagadas", explica Javier Diz, Policía local do Carballiño.

"Cando veu, veu forte", comenta outro veciño. 

Choveu con ganas no Carballiño, pero tamén en Ribadavia.

"Tivemos unha porcentaxe bastante alta, entre un vinte e un trinta por cento de acios que están tocados. Moitos xa racharon o que é un problema para os fungos, porque o que lle facemos é abrir a porta os fungos. E despois temos outros que non chegaron a rachar pero que quedaron as fibras da proína quedaron tocadas, entón no momento que empece a medrar esa uva o que vai facer é que se non racha agora vai acabar rachando despois", explica Eliseo Méndez Estévez, director técnico de Adegas Valdavia. 

Din que son danos localizados naquelas zonas, sobre todo de ladeira, onde a sarabia caeu con máis intensidade.

"As variedades que van máis adiantadas, as de ciclo máis curto son as que tiñan xa o grao de uva mesmo en tamaño chícharo, un estado fenolóxico xa avanzado. O impacto do xeo o caer rompe o grao e fai moito dano. O godello por exemplo que é un dos máis avanzados, o lado, tamén a treixadura. Onde caeu fixo bastante dano, si", explica Alberto Úbeda, xerente das Adegas Valdavia e Vicepresidente da Asociación de Colleiteiros. 

As zonas entre Beade e Carballeda de Avia, Castrelo de Miño ou Boborás son algunhas das máis afectadas. E semella que a meteoroloxía polo de agora non vai dar tregua: toda a provincia de Ourense volve estar hoxe en aviso amarelo por treboadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade