Publicador de contidos

Publicador de contidos

As vacinas pediátricas contra a covid-19 chegan a España este luns

As vacinas pediátricas contra a covid-19 chegan a España este luns

Comeza a administrarse o 15 de decembro en colexios, grandes recintos ou centros de saúde, segundo a comunidade

G24.gal 11/12/2021 09:26

O vindeiro luns chegan a España as vacinas pediátricas destinadas á poboación de entre 5 e 11 anos. A súa administración comezará o día 15 de decembro en colexios, grandes recintos ou centros de saúde, segundo cada comunidade autónoma.

A Comisión de Saúde Pública aprobou esta semana vacinar primeiro o grupo de alto risco e o de máis idade, 10 e 11 anos.

A vacinación na poboación infantil pode axudar a diminuír a carga de enfermidade neste colectivo e a transmisión no ámbito familiar, nos centros educativos e na comunidade, ademais de contribuír á diminución da aparición de novas variantes deste virus.

O obxectivo é protexer a infancia non só da enfermidade na súa faceta aguda, senón tamén ante posibles afeccións no futuro e fronte á síndrome da covid persistente.

Vacina de Pfizer

A vacina que se recibirá é a Comirnaty (da firma Pfizer), autorizada pola Axencia Europea do Medicamento (EMA nas súas siglas en inglés) para a poboación de entre cinco e once anos, e dispensarase en doses diferentes ás utilizadas para a poboación adulta.

Esta vacina amosou unha eficacia fronte á covid-19 sintomática do 90,7 %, nos ensaios clínicos con menores desa franxa de idade.

Do mesmo xeito que no grupo de maior idade, adminístrase no brazo en dúas doses, pero separadas por un intervalo de oito semanas.

Tras recibir a vacinación, débese agardar 15 minutos, para detectar reaccións inmediatas. En persoas con antecedente dunha reacción alérxica grave, independentemente da causa, manterase un seguimento de ata 30 minutos. 

Infección previa

A poboación infantil que se infectou previamente só recibirá unha dose, a partir das catro semanas do diagnóstico da infección ou da data de inicio dos síntomas.

No caso de ter infección tras recibir a primeira dose, completarase a pauta cunha segunda dose tras a recuperación e cando transcorran catro semanas da infección, mantendo tamén o intervalo de oito semanas respecto da primeira dose.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade