Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Nunca un can mordeu a outro". As vítimas do Alvia critican que a fiscalía retirase a acusación a Cortabitarte

"Nunca un can mordeu a outro". As vítimas do Alvia critican que a fiscalía retirase a acusación a Cortabitarte

As asociacións que representan as vítimas do accidente de Angrois manteñen a petición de penas para Andrés Cortabitarte

G24.gal 22/06/2023 17:30 Última actualización 22/06/2023 22:39

Os letrados Manuel Alonso, por parte da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, e Javier González, de Apafas (asociación de prexudicados polo mesmo accidente) argumentaron este mércores durante a vista os motivos e razóns para manter nas súas conclusións as acusacións do maquinista do tren, Francisco Garzón, e o exdirector de circulación do Adif, Andrés Cortabitarte.

Para cada un dos dous piden catro anos de cárcere por 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave.

O letrado de Apafas sinalou que era evidente que a curva era "perigosa", que era necesaria unha avaliación de riscos na liña Ourense-Santiago, e que Cortabitarte "quebrantou" a normativa de seguridade ferroviaria.

Así mesmo, considera que o risco "non era tolerable", tal e como confirmaron os enxeñeiros de Ineco, que manifestaron de maneira coincidente "non levar a cabo a avaliación de riscos correspondente" debido a que non fora solicitada polo Adif.

"Dificilmente o risco podía ser cualificado como tolerable se non fose avaliado", engadiu.

Ademais, González sinalou que "non comparte o criterio" do Ministerio Fiscal de que a causa eficiente do accidente sexa unicamente "a chamada telefónica" que se produciu entre o maquinista e o interventor e a consecuente distracción de Garzón.

"A causa eficiente atópase, a xuízo desta acusación, na inexistencia de ningún tipo de protección, nin valoración nin avaliación de riscos efectuada respecto dunha curva nunha liña de alta velocidade onde se produce unha redución máis que significativa de velocidade e onde inconcibiblemente non existe ningún tipo de protección", expresou.

En canto a Garzón, sinalou que queda acreditada a súa experiencia profesional e que recibira a formación correspondente, pero que cometeu "unha imprudencia grave" polo que considera tamén que é culpable de que se producise o sinistro, tras manter unha chamada "intranscendente" durante máis de 100 segundos.

Moito máis duro con Garzón e con Contarbitarte na súa exposición do informe foi o avogado da Plataforma de Vítimas do Alvia, Manuel Alonso, que os considerou a ambos como persoas "pouco dilixentes" á hora de tomar en serio a seguridade e a responsabilidade que exercían, un como maquinista e outro como máximo responsable da seguridade do Adif.

Nunca un can mordeu a outro

Respecto a Cortabitarte, sinalou que actuou como "un burócrata" tras ignorar un dossier de seguridade por parte da UTE que se encargou da posta en funcionamento da liña. Nese informe avisábase do risco de exceso de velocidade na curva no caso de fallo humano, tras a retirada do sistema de seguridade ERTMS por un cambio no proxecto orixinal.

"Non fixo absolutamente nada respecto diso", condenou Alonso, quen engadiu que se limitou a asinar o certificado de seguridade de posta en funcionamento da liña "sen analizar e controlar os riscos a pesar de que era esixible normativamente", dixo en referencia á normativa europea na materia.

Polo que se refire á decisión de desconectar o sistema ERTMS embarcado, autorizada tamén por Cortabitarte, afirmou que para el supón "unha nova acción delituosa" ao facelo "un sábado sen consultalo con ninguén".

Xa cara ao final da súa intervención, Alonso referiuse á decisión do fiscal de retirar a acusación a Cortabitarte e explicouna co argumento de que "nunca un can mordeu a outro".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade