Vítimas do Alvia denuncian demoras de case dez anos para lograr unha valoración definitiva
Din que as valoracións provisionais non lles permiten organizarse a longo prazo
O que lles resulta especialmente complicado é poder planificar o investimento en rehabilitación de persoas aínda moi novas con secuelas moi graves
A quenda de testemuños do accidente do Alvia desta semana, iniciada este martes, volveu poñer de manifesto que o descarrilamento impactou de cheo non só nos que ían a bordo.
Os primeiros testemuños foron os dunha parella. El, un empresario novo, dinámico e gran deportista antes do sinistro, estivo 21 días en coma e pese a un constante esforzo de rehabilitación mantén unha discapacidade valorada nun 84 % por unha lesión cerebral grave que limita a súa capacidade de coordinación e equilibrio.
Esas limitacións repercuten de cheo tamén no seu núcleo familiar e social, como deixou claro o elocuente testemuño da súa muller: "Este accidente trastornoume a vida", porque o seu home precisa supervisión "todas as horas do día nas que non dorme".
As vítimas, amais de facer ver as súas perdas e o que lles custa afrontalas, cuestionaron a demora coa que se están resolvendo estas valoracións.
Pese aos adiantos provisionais de fondos recibidos das aseguradoras, denuncian que levan case dez anos agardando por unha solución definitiva, que lles permita planificarse a longo prazo.
"Hai moitas cousas que teriamos que estar facendo que decidimos esperar a ver en que acaba isto, porque os cartos vanse a unha velocidade que da medo. El non ten aínda 50 anos e eu estou preocupada e estou enfadada. Que saiban que isto é moi longo, que esta situación non é normal e que deberiamos ter este tema resolto para nos ternos planificado e organizado desde fai moito".