Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así quedan as pensións contributivas, que subirán un 8,5 % en 2023

Así quedan as pensións contributivas, que subirán un 8,5 % en 2023

As pensións máximas chegarán ata os 42.829,29 euros ao ano e as mínimas irán desde os preto de 10.000 euros ata os máis de 13.500 en función da idade e de se o perceptor ten cónxuxe ao cargo

As pensións non contributivas terán un incremento do 15 %, segundo o acordo pactado no verán entre EH Bildu e o Goberno

G24.gal 14/12/2022 10:59

As pensións contributivas subirán en 2023 un 8,5 % coa fórmula de revalorización recollida na lei de reforma das pensións na que se ten en conta o IPC interanual media de doce meses (de decembro do ano anterior a novembro do exercicio en vigor).  

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este mércores o dato definitivo do IPC de novembro, co que a media de decembro 2021 a novembro de 2022 lanza unha inflación neste período do 8,46 %. Porén, o Goberno ten intención de redondealo ao 8,5 % á hora de revalorizar as pensións e o ingreso mínimo vital (IMV).  

Pola súa banda, as pensións non contributivas manterán para o próximo exercicio a subida do 15 % que se lles aplicou o pasado mes de xullo en virtude dunha emenda pactada polo Goberno con Bildu no marco da negociación orzamentaria.

 

Canto cobrarán os pensionistas?  

Segundo estas cifras, a pensión máxima será de 42.829,29 euros, o que se traduce en 14 pagas de 3.059 euros.

En canto ás pensións mínimas, no caso das contributivas, aqueles que teñan 65 anos ou máis cobrarán 10.405 euros anuais (14 pagas de 743,2 euros), no caso de que non teñan cónxuxe ao cargo. Esa pensión mínima será de 13.527 euros, para aqueles que si teñan cónxuxe ao seu cargo (966,2 euros en 14 pagas).

Esas pensións mínimas caen no caso daqueles que aínda non teñen os 65 anos. Serán de 9.694 euros para aqueles que non teñan cónxuxes ao cargo e de 12.682 para aqueles que si os teñan.

Esa suba do 8,5 % tamén se aplica nas pensións contributivas de incapacidade, viuvez ou orfandade.

Os incrementos nas pensións comezarán a notarse cando se cobre o primeiro pagamento, entre o 23 e o 27 de xaneiro. Hai que ter en conta, que en 2023 para poder xubilarse aos 65 anos haberá que ter cotizados cando menos 37 anos e nove meses. Os que non alcancen esa cifra deberán atrasar o retiro ata os 66 anos e catro meses.

A Seguridade Social calcula que cada décima de subida das pensións ten un custo duns 150 millóns de euros, polo que elevalas un 8,5 % implicará un gasto de aproximadamente 12.750 millóns de euros.  

O Banco de España, pola súa banda, estima que cada décima de incremento implica un custo de 180 millóns de euros. Usando esas estimacións, o custo da subida das pensións nun 8,5 % rozaría os 15.300 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade