Publicador de contidos
Publicador de contidos

Carlos III e Camila, coroados en Londres nunha cerimonia histórica

Carlos III e Camila saúdan dende o balcón de Buckingham
G24.gal 05/05/2023 21:30 Última actualización 06/05/2023 21:41

A xornada histórica comezou pasadas as once da mañá, hora galega, coa procesión dos reis de Inglaterra. Carlos III e Camila saíron de Buckingam na carroza Diamong Jubilee, construída en 2012 para celebrar os 60 anos do reinado de Isabel II.

Ante a presenza do numeroso público que quixo asistir ao percorrido a pesar da chuvia, os reis atravesaron The Mall, uns do paseos máis emblemáticos de Londres, a praza Tragalgar e tras pasar por diante do parlamento, a carroza real chegou a abadía de Westminster.

Alí agardaban os máis de 2.000 convidados. Ademais da familia do rei, incluído o príncipe Henrique sen a súa muller nin os fillos, asistiron un cento de xefes de Estado, o rei Filipe e a Raíña Letizia entre eles.

O rei Filipe e a raíña Letizia asistiron á cerimonia

Cerimonia

Unha vez no templo relixioso, ás 12 do mediodía, comezou o servizo formal da coroación, o primeiro desde que Isabel II foi coroada en xuño de 1953. O arcebispo de Canterbury, Justin Welby, preside a cerimonia.

Carlos III, que ascendeu ao trono o 8 de setembro de 2022 á morte da súa nai, Isabel II, prestou xuramento para recoñecer as distintas relixións que se profesan no país e tamén como cabeza da Igrexa de Inglaterra, antes de recibir as insignias reais e a coroa de Santo Eduardo.

Ataviado cunha capa de armiño, o rei entrou na abadía seguido por varios nenos, entre eles o seu neto, o príncipe Xurxo, o segundo na liña de sucesión á coroa británica, que fixo de paxe xunto cos netos de Camila.

Sobre o altar maior colocáronse as dúas coroas que se usarán nesta cerimonia, a de Santo Eduardo e a imperial, con esta última o monarca sairá da abadía ao concluír a cerimonia.

Os príncipes de Gales coa súa filla e o seu fillo menor Os príncipes de Gales coa súa filla e o seu fillo menor

Camila, que entrou antes que o rei, ía vestida de branco. Por detrás do monarca accederon á abadía os príncipes de Gales, Guillerme e Catarina, ambos os dous vestidos con traxes cerimoniais.

O príncipe Henrique, o fillo menor do rei Carlos III do Reino Unido, asistiu á coroación do seu pai, pero sen a compañía da súa esposa, Meghan, nin dos seus dous fillos, Archie e Lilibet.

O panel de tea empregado na unción

Unción

O rei Carlos III foi unxido con aceite consagrado polo arcebispo de Canterbury, primado da Igrexa anglicana, o rito relixioso máis solemne da liturxia da coroación, que require que o monarca estea temporalmente oculto ao público.

O soberano, de 74 anos, quedou velado por un panel de tea bordada con motivos de anxos e unha árbore con 56 follas que representan cada un dos países da Commonwealth, bendicida na Capela Real do Palacio de Saint James hai unha semana.

Durante a unción, o coro entoou a peza "Zadok the Priest", composta por Georg Friedrich Handel para a coroación de Xurxo II, en 1727.

Como reflexo da paixón do rei pola sustentabilidade, a pantalla que o ocultou, de 2,6 por 2,2 metros, foi fabricada coa madeira dun carballo plantado polo duque de Northumberland en 1765 na leira de Windsor que foi derrubado polo vento.

A decoración do biombo foi encargada persoalmente polo monarca ao iconógrafo Aiden Hart, membro da igrexa ortodoxa grega, que ao longo dunha carreira de corenta anos creou arte litúrxica católica, anglicana e ortodoxa.

O arcebispo de Canterbury, asistido polo deán de Westminster e o arcebispo de York, unxiu con aceite as mans, o peito e a fronte de Carlos III, que ascendeu ao trono ao morrer a súa nai, Isabel II, o 8 setembro, e hoxe recibe oficialmente os símbolos do seu poder.

Carlos III coa coroa de Santo Eduardo

Cororación de Carlos III 

A continuación, produciuse o momento máis importante do acto. O arcebispo de Canterbury, Justin Welby, colocou sobre a cabeza de Carlos III a suntuosa coroa de Santo Eduardo, do século XVII. Tras colocarlle a coroa, gritou á congregación "Dios salve o rei" e soaron as trompetas.

Sentado na cadeira de carballo de Santo Eduardo, considerado o moble máis antigo do Reino Unido e colocado sobre un piso de mosaico medieval, Carlos III foi coroado tras recibir as distintas insignias reais, que simbolizan as responsabilidades como xefe de Estado británico ata o día da súa morte.

Entregóuselle o orbe do soberano, que simboliza o mundo; o cetro coa cruz, que representa o mundo cristián; e o cetro da pomba, símbolo do papel espiritual do monarca. Ataviado cunha capa dourada, o primado da Igrexa de Inglaterra entregoulle ao rei a luva branca do poder.

Por último, colocoulle a coroa, feita en ouro e decorada con rubís, ametistas, zafiros, granate e topacios, a única vez na súa vida que a levará o monarca. 

Camila coa coroa da raíña María

Coroación de Camila

Despois, o primado da Igrexa anglicana impúxolle a Camila a coroa da raíña María. A muller do rei Carlos III dende hai 18 anos deixa de ser raíña consorte para pasar a ser considerada unicamente como raíña.

Unha riseira Camila recibiu de mans do bispo emérito de Londres e da bispa de Dover o cetro e a vara coa pomba da raíña consorte. 

Segundo a tradición británica, as esposas dos monarcas son coroadas como raíñas, algo que non sucede cos homes das raíñas, como foi o caso do duque de Edimburgo, Filipe, pai de Carlos III e marido de Isabel II.

Tras a coroación de Camila, o coro cantou un novo himno, "Make a joyful noise", composto para a ocasión polo prestixioso autor de musicais e bandas sonoras Andrew Lloyd Weber.

Os reis saen da abadía Os reis saen da abadía

Saúdo dende o balcón

Para rematar os actos, o rei Carlos III saíu a saudar a multitude desde o balcón do Palacio de Buckingham xunto á raíña Camila e as súas familias, pero sen o seu fillo menor Henrique, apartado das funcións oficiais da realeza.

Tampouco apareceu no balcón o príncipe Andrés, irmán de Carlos III, tamén apartado polos seus escándalos sexuais relacionados co empresario Jeffrey Epstein.

Sobre as cabezas dos presentes sobrevoaron avións e helicópteros das Forzas Armadas británicas, aínda que a exhibición aérea debeu ser recortada polas malas condicións meteorolóxicas en Londres.

A familia real saúda dende o balcón
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade