Publicador de contidos
Publicador de contidos

Londres blíndase para acoller o funeral de Estado da raíña Isabel II

Londres blíndase para acoller o funeral de Estado da raíña Isabel II

Trátase do maior evento que coordinou o Ministerio de Exteriores británico en tempos modernos

Despregouse un dispositivo de seguridade comparable ao dos Xogos Olímpicos de Londres, en 2012

As exequias poderán seguirse pola TVG nun programa especial que comeza ás 11:40 horas

G24.gal 18/09/2022 08:30 Última actualización 18/09/2022 16:16

Continúa a recepción no Reino Unido de personalidades que asistirán este luns ao funeral da raíña Isabel II. O rei Carlos III exercerá de anfitrión nunha recepción no palacio de Buckingham que comezará ao redor das 18:00, hora local (17:00 GMT).

Poderán acceder durante a xornada á capela ardente da soberana, instalada no palacio de Westminster, pola que van continuar pasando milleiros de persoas ata o luns.

Membros das principais familias reais europeas confirmaron que estarán presentes no funeral de Isabel II, entre eles os reis de España, Filipe VI e Letizia, os reis de Bélxica, Filipe e Matilde, así como os monarcas dos Países Baixos, Noruega, Suecia, Dinamarca e Mónaco.

Tamén estarán en Londres o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, o de Francia, Emmanuel Macron, o de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier, o italiano, Sergio Mattarella, e a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen.

Emperadores do Xapón

Os emperadores do Xapón, Naruhito e Masako, partiron o sábado cara ao Reino Unido no que supón a súa primeira viaxe ao estranxeiro desde que ascenderon ao trono, en 2019.

A China enviará o seu vicepresidente Wang Qishan e agárdase que estea así mesmo en Londres para reunirse con Carlos III o príncipe herdeiro saudita, Mohamed Bin Salmán, aínda que a cadea Sky News asegura que non asistirá ao servizo relixioso.

A primeira ministra británica, Liz Truss, aproveitará a presenza de mandatarios mundiais para manter entrevistas co primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, o presidente de Polonia, Andrzej Dúbida, e o primeiro ministro irlandés, Micheál Martin.

A xuntanza prevista entre Truss e Biden foi cancelada. Porén, ambos os dous atoparanse o mércores no marco da Asemblea Xeral da ONU, en Nova York.

Funeral de Estado

Está previsto que máis de 500 personalidades da esfera política mundial asistan este luns en Londres ao funeral de Estado pola raíña Isabel II, falecida aos 96 anos tras máis de sete décadas como soberana do Reino Unido.

Trátase do maior evento que coordinou o Ministerio de Exteriores británico en tempos modernos, para o que se despregou un dispositivo de seguridade comparable ao dos Xogos Olímpicos de Londres, en 2012.

É o primeiro funeral de Estado que se oficia no século XXI no Reino Unido, que non viviu cerimonias similares desde a morte de Xurxo VI, en 1952, e a do primeiro ministro Winston Churchill, en 1965.

Programa do luns, 19 de setembro

-7:30

Pecha a capela ardente de Isabel II no palacio de Westminster, instalada desde o mércores, pola que pasaron centos de miles de persoas para darlle o seu derradeiroo adeus á soberana.

-9:00

As portas da abadía de Westminster abren para a chegada das personalidades ao servizo fúnebre, que comezará tres horas despois.

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, e cabezas de monarquías de todo o mundo, incluídos Filipe VI e Letizia, estarán presentes na cerimonia. Tamén asistirán os reis eméritos.

-11:35

O féretro da raíña depositarase sobre un carro de canón de artillería e abandonará Westminster Hall a partir das 10:44, hora local. Membros da Mariña Real encargaranse de transportalo en procesión dende a sede do Parlamento ata a contigua abadía de Westminster.

O novo rei Carlos III e os seus tres irmáns -Ana, André e Eduardo-, así como os seus fillos, os príncipes Guillerme e Henrique, camiñarán tras os restos mortais da soberana. 

-12:00

Ante uns 2.000 convidados, comeza a cerimonia relixiosa na abadía, o mesmo lugar onde Isabel II foi coroada raíña en 1953. O último funeral de Estado por un monarca británico que se celebrou no templo londiniense foi en 1760, tras a morte de Xurxo II.

Desde entón, as cerimonias fúnebres leváronse a cabo na capela de San Xurxo, no castelo de Windsor. O deán de Westminster, David Hoyle, oficiará o funeral, e o arcebispo de Canterbury, Justin Welby, dará un sermón. A primeira ministra británica, Liz Truss, lerá un texto relixioso.

-12:55:

Unha chamada de corneta marcará o comezo de dous minutos de silencio que se respectarán en todo o Reino Unido.

O aeroporto de Heathrow paralizará as engalaxes e aterraxes minutos antes para garantir un rigoroso silencio na capital británica.

O himno nacional e unha peza de lamento interpretada polo gaiteiro oficial de Isabel II poñerán fin ao servizo fúnebre ao mediodía.

-13:15

O féretro sairá en cortexo fúnebre desde a abadía cara ao arco de Wellington, na esquina sueste de Hyde Park.

O Big Ben, a soada campá da torre do palacio de Westminster, repenicará a intervalos dun minuto durante a procesión.

A Real Policía Montada do Canadá encabezará a marcha, na que tamén desfilarán membros das forzas armadas do Reino Unido e países da Commonwealth, representantes da policía británica e do servizo de saúde pública (NHS).

Carlos III camiñará xunto con outros membros da familia real, mentres que a raíña consorte, Camila, a princesa de Gales, Catarina, e a duquesa de Sussex, Meghan, seguirán o cortexo en coche.

-14:00

No arco de Wellington, os restos da soberana transferiranse a un coche fúnebre para facer a súa última viaxe cara ao castelo de Windsor, uns 35 quilómetros ao oeste de Londres.

-16:00

O féretro chega ás inmediacións do castelo, onde viviron 40 monarcas de xeito ininterrompido durante case mil anos. Unha procesión a pé percorrerá os cinco quilómetros do Long Walk, a característica avenida arborizada que desemboca na residencia real.

-17:00

Os restos de Isabel II entran na capela de San Xurxo do castelo, lugar habitual de bautizos, vodas e funerais reais. Nos últimos anos, acolleu o enlace entre o príncipe Henrique e Meghan, así como o funeral do príncipe Filipe, esposo da raíña.

Unhas 800 persoas convidadas asistirán a unha cerimonia oficiada polo deán de Windsor, David Coney. A Coroa do Estado Imperial, o orbe e o cetro reais retiraranse do féretro, separando por última vez a Isabel II dos símbolos do seu reinado.

O cadaleito descenderá cara á cripta real da capela, onde tamén están soterrados os restos do seu esposo, falecido en 2021 con 99 anos.

O gaiteiro oficial de Windsor interpretará un himno elixido persoalmente por Isabel II e a cerimonia concluirá coa entoación do "Deus salve o rei", ao redor das 17:45.

-20:30

Isabel II será enterrada xunto ao príncipe Filipe nunha cerimonia privada á que asistirán membros da familia real. A laxe de mármore da súa sepultura quedará gravada coas palabras: "Elizabeth II 1926-2022".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade