Publicador de contidos
Publicador de contidos

ATA Galicia considera que a nova cota 0 para novos autónomos fomentará o emprendemento

ATA Galicia considera que a nova cota 0 para novos autónomos fomentará o emprendemento

O presidente de ATA Galicia, Rafael Granados, di que se trata “dunha medida que levábamos bastante tempo esperando”

Granados asegura que hai que frear a perda de 10.000 autónomos na última década en Galicia

G24.gal 24/10/2023 09:44

O presidente da Asociación de Traballadores Autónomos (ATA) Galicia, Rafael Granados, aplaude a medida anunciada pola Xunta de eximir de pagar as cotas da Seguridade Social para os novos autónomos e sinala que “levabamos esperando bastante tempo” por ela.

Así se expresou esta mañá nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega. Segundo a Xunta, a partida supón uns 960 euros para a cota do Réxime de Autónomos durante o primeiro ano de actividade.

Estas contías súmanse aos arredor de 7.500 euros en axudas para gastos de inicio de actividade, polo que en 2024 cada autónomo que emprenda contará con ata uns 8.500 euros.

Rafael Granados afirma que “hai que ter en conta que Galicia perdeu nos últimos dez anos preto de 10.000 autónomos e esta cota 0 é unha maneira de que persoas que queren inicia unha actividade como autónomos e queiran desenvolver o seu desexo de traballar, vexan na saída como autónomo, unha saída óptima”.

Neste senso, considera que esta tarifa 0 ou esta cota 0 que acaba de anunciar a Xunta de Galicia, vai facilitar este emprendemento”.

O presidente de ATA Galicia tamén destaca outro aspecto que está vivindo o colectivo de traballadores por conta propia na Comunidade galega. Di que o número de autónomos de máis de 65 anos incrementouse na última década en máis dun 123 por cento.

Rafael Granados explica que “iso significa que nos próximos anos imos ter moitísimas xubilacións e se non temos este emprendemento que plaque esta caída de autónomos que imos ter, imos ver como se reduce o número de cotizantes á Seguridade Social no RETA nos próximos anos. Espero que estas medidas axuden a paliar esa caída”.

Así mesmo, o presidente da Asociación de Traballadores Autónomos referiuse á posibilidade de redución da xornada laboral a 37,5 horas o ano vindeiro, en función do acordo de investidura entre o PSOE e Sumar.

Rafael Granados considera que “vai ser complicado aplicala” en determinados sectores. Neste senso, considera que “temos que arranxar outras cousas antes que rebaixar as horas de traballo e buscar máis produtividade e unha boa conciliación para todos os traballadores e para todos os autónomos”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade