Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan os cinco desaparecidos pola treboada no norte de Italia

Atopan os cinco desaparecidos pola treboada no norte de Italia

Ademais dos cinco desaparecidos tamén tiveron que ser rescatadas outras seis persoas e evacuadas 120

Unha comisaría e un hotel son os edificios máis danados

G24.gal 14/08/2023 11:47

Os equipos de rescate localizaron as cinco persoas que permanecían desaparecidas despois dunha forte treboada na cidade de Bardonecchia, ao pé dos Alpes no norte de Italia. Causou un desprendemento e desbordou o arroio que atravesa a localidade, a uns 90 quilómetros de Turín.

"As persoas desaparecidas en Bardonecchia polo desprendemento foron localizadas", informou o vicepresidente e ministro de Exteriores de Italia, Antonio Tajani, quen engadiu que o Goberno "axudará con todos os danos causados polo lodo e os entullos".

A avalancha produciuse polo desprendemento dunha crista rochosa e, ao seu paso pola cidade, arrasou con coches, locais, e plantas baixas das vivendas, segundo se aprecia nos vídeos publicados hoxe pola prensa local.

Ademais dos cinco desaparecidos, tamén tiveron que ser rescatadas outras seis persoas que quedaron atrapadas nunha furgoneta camper arrastrada polo lodo e, polo menos, outras 120 tiveron que ser evacuadas nun centro deportivo.

Tamén se cortou a subministración de gas para evitar explosións, porque os danos son graves, e a maioría da localidade quedou asolagada polo lodo, as pedras e os entullos, o que imposibilita facer unha estimación das desfeitas causadas pola repentina tormenta.

Bardonecchia é o enclave máis ao noroeste de Italia, atópase na fronteira con Francia e é un popular destino na tempada de esquí; de feito foi sede de competicións durante os Xogos Olímpicos de Inverno de 2006.

Italia sufriu este verán varios eventos meteorolóxicos extremos, como os temporais que en xullo azoutaron Milán e outras zonas do norte, en que morreron unha adolescente e unha muller ao caerlles unha árbore enriba, á vez que tres persoas falecían nos incendios que arrasaron partes da illa de Sicilia, no sur, tras a onda de calor Caronte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade