O corpo atopado na auga en Bueu corresponde a unha veciña de Marín de 69 anos
Foi un particular o que alertou o 112 pasadas para informar de que vía un corpo na praia de Ancoradouro
![](https://www.g24.gal/prog24/2021/20211116/cadaverbueu.png)
O corpo atopado na mañá deste martes flotando na auga xunto a unha praia de Bueu corresponde a unha veciña de Marín de 69 anos de idade. Fontes da Garda Civil sinalaron que a muller levaba o seu nome nunha peza de roupa posta e, ademais, familiares identificárona.
Á espera dos resultados da autopsia, fontes da investigación indicaron que "todo apunta" a unha "caída fortuíta" como causa da morte desta muller afogada.
Os bombeiros do Morrazo rescataron o corpo que estaba flotando na auga. Foi un particular o que alertou ao 112 pasadas as 12:00 horas deste martes para informar de que vía un corpo na parroquia de Beluso, na praia de Ancoradouro.
O 112 puxo en coñecemento do suceso a persoal sanitario, a Policía Local, Garda Civil e Bombeiros. Tamén foi informado Salvamento Marítimo e o Servizo de Garda Costas de Galicia.
Tras ser rescatado o corpo, confirmaron que se trataba do cadáver dunha señora de avanzada idade, polo que, as forzas da orde investigan as causas do suceso.
🔴 #AXEGAInforma de que os #BombeirosMorrazo rescataron da auga o corpo sen vida dunha muller, na praia do Ancoradouro, en Bueu. Ao lugar tamén acudiron os sanitarios, @guardiacivil e Policía Local. Os equipos de emerxencia soamente puideron confirmar o seu falecemento.
— 112Galicia (@112Galicia) November 16, 2021