Publicador de contidos
Publicador de contidos

Atopan unha fouce de 2.200 anos no castro das Barreiras, en Vimianzo

Atopan unha fouce de 2.200 anos no castro das Barreiras, en Vimianzo

A peza confirma a importancia agraria deste castro situado no fondo dun val

É similar ás fouces actuais e apareceu en bo estado de conservación

 

G24.gal 14/06/2024 14:20

Din os arqueólogos que o castro das Barreiras é unha fonte inesgotable de tesouros. O último apareceu onte, no patio dunha das cabanas do xacemento. Unha fouce da idade de ferro, moi semellante ás de hoxe en día.

"A morfoloxía e as medidas son iguais, esa muller galega do fouciño que todos temos na cabeza xa estaba activa traballando no castro das Barreiras hai 2.200 anos", di o arqueólogo Tito Concheiro Coello. 

"Atopámola aquí, apareceu en planta, pero o ferro despois de tantos séculos se descompón, co cal fixemos un bloque para extraela enteira e coa mesma terra onde a atopamos", explica Alejandro Laíño Piñeiro, o arqueólogo que deu coa fouce.

Para evitar que o contacto co aire oxide o ferro, metérona nun contedor hermético antes de levala ao laboratorio. Pero deixan que a nosa cámara se asome por uns segundos ao túnel do tempo...

"Mirádea, é como asomarse á historia... Pouca xente máis ca vós vai poder vela en bastante tempo", comenta Tito Concheiro mentres a descobre coa axuda dunha brocha.

O achado é extraordinario pola boa conservación do ferro e porque ilustra a potencia agraria deste xacemento, rodeado dos campos de cultivo nos que hai más de 2.000 anos traballou o fouciño.

"O achado neste castro da Idade de Ferro revela unha sociedade na que están as bases da cultura tradicional de Galicia. Aldeas agrícolas moi dispersas polo territorio, posta en explotación das veigas do fondo do val e unha tecnoloxía agraria practicamente idéntica á nosa", engade Tito Concheiro.

O máis probable é que a peza, unha vez consolidada polos conservadores, se acabe expoñendo no Museo de Santo Antón, na Coruña. Pero aquí soñan con que algún día este, e todos os demais tesouros do castro, poidan exhibirse onde apareceron. O mellor xeito, din, de conectar coas raíces máis fondas do agro galego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar