Festa castrexa en San Cibrao de Las
Festa castrexa en San Cibrao de Las
Unha nova festa histórica ábrese paso en Galicia, nun dos asentamentos máis extensos e mellor conservados do país
Hai 2.000 anos, en San Cibrao de Las chegaron a vivir ao redor dun milleiro de persoas.
O castro de San Cibrao, entre os concellos ourensáns de Punxín e San Amaro, é coñecido como a Cidá porque iso é o que era: a cidade á que se foron mudando os habitantes doutros asentamentos máis pequenos.
Víctor Gulías, membro da organización: "Hai un castro pequeniño aí que se chama San Trocado, que é o inicio do castro. Logo, esa xente foise vindo para a Cidá".
Con esta recreación, "Un día na Cidá", tratan de evocar a forma de vida da época, os costumes, os seus hábitos cotiáns e as súas crenzas. "Eu son o druída do castro, encargado das cerimonias relixiosas e políticas que se fan na coroa". "Para min é como retroceder na miña esencia, recuperar todo iso que fun", comentan dous participantes.
Tamén recrean o día a día, a forma de vida nun espazo que se organizaba en torno ao río Miño, a caza, a pesca e a agricultura: "Sementamos trigo e centeo que recollemos no verán, e temos bois e vacas que axudan na labranza".
É un dos castros máis extensos e mellor conservados de Galicia, sede do centro de interpretación da cultura castrexa, e con esta festa, que celebra a segunda edición, queren darlle a proxección que merece.