Publicador de contidos
Publicador de contidos

Descendentes de emigrantes galegos axudan a conservar o Castro de Viladonga

Descendentes de emigrantes galegos axudan a conservar o Castro de Viladonga

Son 18 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos

Participan nun campo de voluntariado da Xunta de Galicia

G24.gal 04/09/2024 14:20

Son mozos procedentes de diversos países da América Latina e teñen un nexo común, son descendentes de migrantes galegos que no seu día fixeron as Américas. 

"A miña avoa foise dende moi pequena para Arxentina nun barco, como a maioría. Ela era de Ourense", conta Lautaro Martínez, que veu dende Bos Aires.

Participan nun campo de voluntariado da Xunta e realizan traballos de conservación no castro de Viladonga, achegándose de preto para coñecer a nosa historia.

"Realizan traballos de limpeza cortando herbas nas estruturas do castro, un traballo moi importante que hai que facer de xeito manual", explica o arqueólogo Álvaro Pérez.

"Coñecer máis de onde veño e está ben para axudar nas escavacións e nos conten para que servían", relata Macarena Guerra que veu dende Montevideo.

Coñecen o noso patrimonio e tamén os nosos costumes, a cultura e a gastronomía.

"Son mestra de baile galego para nenos e encántame Galicia, a vila, todo", di Manuela, procedente do Brasil.

"Facemos moitas excursións e visitas a lugares de interese etnográfico. Hoxe iremos tamén á feira de Castro para que coñezan unha feira tradicional e proben o polbo, que tamén teñen moitas ganas", explica Victoria Basteiro, directora do campo de voluntariado.

Todos din sentir unha conexión especial en Galicia e cos galegos.

"Paréceme moi importante ter esta conexión coas nosas raíces. Sinto que este é un lugar que te fai sentir cómodo, na casa, e aínda que sexas de fóra sénteste como nun fogar", sinala o venezolano Andrés García.

Unha mestura de acentos e de experiencias que enriquecen a convivencia e o traballo en equipo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade