Aumenta a asistencia a ximnasios e a demanda de tratamentos estéticos
Aumenta a asistencia a ximnasios e a demanda de tratamentos estéticos
As redes sociais e o reforzo da autoestima inciden no desexo de presentar o mellor aspecto
Os tratamentos faciais antienvellecemento son os máis solicitados nas clínicas de medicina estética
Estar en forma e lucir un bo tipo esixe constancia e sacrificio
A fama custa, dicía un mestre aos seus alumnos naquela popular serie televisiva. E ter un corpo escultural tamén. Moito esforzo e suor son precisos para lucir bo tipo.
Coa chegada de setembro énchense os ximnasios. Hai que retomar as rutinas de exercicios aparcados durante o verán. As motivacións estéticas están detrás de moitos clientes de ximnasios, ás veces influídos polo culto á imaxe que preside as redes sociais.
Combater os efectos do envellecemento que vén co paso dos anos é o obxecto da maioría de tratamentos que se aplican nos centros de beleza e medicina estética. Caídas as máscaras, aumentou desde a fin da pandemia a demanda de servizos en clínicas e salóns. Aínda así, a situación económica obriga a elixir entre cara ou corpo.
Lonxe de pretensións persoais máis ou menos fachendosas, é maioritaria a opinión de que sentirse fermosos aumenta a autoestima. E iso conséguese, ben con axuda profesional ou con boa actitude.
Non só a imaxe condiciona a demanda de tratamentos estéticos ou exercicio físico, tamén, como non, a saúde e o benestar. Sentirse a gusto cun mesmo é barato se nolo propoñemos. Porén, esixe sacrificios e custa cartos aspirar a un aspecto co que non nacemos.