Publicador de contidos
Publicador de contidos

Autorizan as batidas de xabaril en Galicia

Autorizan as batidas de xabaril en Galicia

Os agricultores que sementaron millo agradecen a medida para protexer as colleitas

G24.gal 27/08/2024 16:07 Última actualización 27/08/2024 16:30

As batidas de xabaril volven estar autorizadas en Galicia desde hai uns poucos días. En concellos como o de Dozón, con moita superficie dedicada á agricultura, aseguran sentirse aliviados.

Neste lugar tiveron que sementar tarde polo mal tempo, e agora o millo vai cuns 15 ou 20 días de atraso en Dozón. Pero o que vén puntual é o xabaril, que xa está facendo das súas nas leiras.  

"Como vén atrasado os danos aínda non son moi grandes, pero nunha semana ou dez días empezaremos a ter os danos máis fortes do xabaril", comenta Héctor Rodríguez, de Gandería Pereirón.

Porque quere mellor a mazaroca un pouco máis feita, cando o gran bota leite, así que xa están na conta atrás para a tempada alta de danos. E prepáranse como poden para protexer as leiras.

"Unhas persoas poñemos malla, peche perimetral, ou procuramos poñer pastor eléctrico. Así entra menos veces. O problema é en minifundio, que botas moitas parcelas e non dás pechado, aí fan moitísimos máis danos", explica Rodríguez.

Por iso reciben con alivio o arranque da tempada de caza. Dende o 17 de agosto están autorizadas as batidas de xabaril. Abriron aínda poucos tecores, á espera de que baixe a calor, pero aquí en Dozón xa se estrearon.

"A calor non axuda nin os rastros, nin os cans, nin a nós. Pero hai que darse conta que este é un concello con moitísima actividade agraria, e hai que botarlles unha man no que poidamos", comenta Xosé Rodríguez, presidente do TECOR de Dozón.

O ano pasado abateron 109 exemplares e, polo que están vendo, esta tempada vén forte.

"Vense moitísimos máis xabarís que o ano pasado, eu atrévome a dicir que hai moitos máis. Mesmo hai moitas femias acompañadas de cría, e mandas grandes, de máis de dez exemplares", engade.

Van movéndose co alimento, e ao millo atácano agora e na sementeira: come o gran no chan e obriga a resementar dúas e tres veces a maioría das parcelas. É tanta a presión, que algúns xa pensan renderse.

"Explotacións de 80-90 vacas en muxidura que están pensando en non sementar millo, porque a xente está esgotada física e psicoloxicamente co tema do xabaril" di Héctor Rodríguez, da 
Gandería Pereirón.

E calcula que o xabaril encarece case un 30 por cento a produción de millo aquí. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade