Avanza áxil a vacinación da gripe e da covid-19 nos colectivos de risco
Avanza áxil a vacinación da gripe e da covid-19 nos colectivos de risco
En menos de dúas semanas vacináronse da gripe e da covid case 20.000 persoas de residencias
Para os próximos días están convocados os maiores de 80 anos nos seus centros médicos
Despois de case dúas semanas desde o inicio da vacinación conxunta fronte á gripe e a covid nos colectivos de maior risco hai xa preto de 20.000 persoas inmunizadas, en residencias e centros de atención a persoas con discapacidade. Para os próximos días están convocados os maiores de 80 anos para recibir a vacina nos seus centros médicos antes de que abran os centros masivos.
A formación dos profesionais sanitarios en materia de vacinación continúa este outono coa participación de máis de 120 médicos e enfermeiras nunha nova xornada do programa galego de vacinación.
Durante o acto analizouse a inmunización contra o herpes zóster en maiores e contra o virus respiratorio sincitial en neonatos, incorporadas este ano ao calendario, como explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
"A verdade é que están todos os nenos acabados de nacer vacinados e incluso toda a poboación de risco que xa nacera previamente e queriamos vacinar están practicamente todos vacinados. Nesa recuperación que estamos facendo de neonatos de datas anteriores levamos case 1.700 nenos vacinados e cunha resposta moi positiva dos pais".
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou ademais o áxil desenvolvemento das primeiras vacinacións contra a gripe e a covid en residencias. O próximo luns será a quenda dos maiores de 80.
"Comezamos nos centros de saúde para maiores de 80 anos. Serán citados a través de mensaxería como se vén facendo tradicionalmente. Aínda así tamén van poder acudir, se así o estiman oportuno, aos centros masivos cando empecemos con eles. A idea é poñer a disposición dos galegos e galegas todos os nosos recursos".
Os menores de 80 volverán aos recintos feirais e hospitais comarcais e aquelas persoas que non poden desprazarse recibirán a vacina no seu domicilio.