Aviso laranxa no litoral con ventos de 130 quilómetros por hora no sur de Pontevedra
Aviso laranxa no litoral con ventos de 130 quilómetros por hora no sur de Pontevedra
Pola noite agárdase forte marusía e ata media vaga nalgúns puntos
O ceo seguiu escuro todo o día tras o trebón desta mañá e mentres o mar de fondo facía bater con forza ondas potentes contra as rochas do faro de Muxía, de ata seis metros. O vento tamén axudaba. Con todo hai quen sae da casa igualmente.
E iso que esta tarde amainou pero pola mañá este mar de fondo e o vento de máis de vinte nós obrigaron a axudar no atraque dun transatlántico no porto da Coruña. A costa ártabra, como a maior parte da costa galega, agarda forte marusía de noite e mesmo media vaga nalgúns puntos.
O vento do suroeste soprou todo o día. O refacho máis forte, de 130 km por hora, rexistrárono pola mañá en Oia, na costa sur de Pontevedra. Seica algún voo engalou con turbulencias en Vigo porque os refachos amolaron en terra, máis ca auga a algúns, aínda que hai quen goza diso.
O certo é que o vento non fixo baixar as temperaturas. Leiro con 19 graos tivo a máxima pero non lle andaron moi lonxe Ribadeo e Foz.
Onde máis choveu nas últimas horas foi en Santa Comba, con 24 litros por metro cadrado, moito menos ca a xornada anterior.
O venres pola tarde a alerta esténdese ao interior das provincias da Coruña e Lugo coa entrada dunha nova fronte.