Ayuso di que "non hai trama" e que Facenda lle debe diñeiro á súa parella
Ayuso di que "non hai trama" e que Facenda lle debe diñeiro á súa parella
A presidenta madrileña asegura que hai "unha manipulación orquestrada" e sinala a Moncloa como responsable coa intención de tapar o "escándalo" da aprobación da lei de amnistía
A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cargou contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, por pedir a súa dimisión pola denuncia que a Fiscalía interpuxo contra a súa parella pola presunta comisión de dous delitos de defraudación tributaria e un de falsidade en documento mercantil, ve en toda a cuestión unha "manipulación orquestrada" e asegura que é Facenda quen lle debe 600.000 euros a el.
"O presidente do Goberno, que mañá vai aprobar a lei máis corrupta da democracia, a lei que amnistía a delincuentes e a presuntos terroristas, pediu a miña dimisión, imaxino que para tentar tapar ese escándalo", dixo Díaz Ayuso, quen asegurou que "Pedro Sánchez está sentado na corrupción política e económica e isto non o vai tapar".
Ayuso fala dunha "inspección de Facenda sacada de lugar", e sostivo que Sánchez busca desestabilizala a través da súa "destrución persoal, cando o único destruído aquí é el".
Neste punto, expuxo que a súa parella "está a sufrir unha inspección fiscal salvaxe que afecta a 2018, 2019, 2020, 2021 e agora pretenden que sexa o 2022 para atrasar os case 600.000 euros que Facenda lle debe". Segundo expuxo, "é falso que sexa el quen debe a Facenda 350.000 euros".
"Non hai trama de facturas, non hai sociedades pantalla", asegurou Díaz Ayuso.
Tamén asegurou que "non hai un só contrato coa Comunidade de Madrid", senón que "se está mesturando todo" dentro de "unha persecución política escandalosa" cara á súa persoa e cara á súa parella, unha persoa particular que, ao seu xuízo, viuse involucrada nisto polo feito de ter unha relación con ela.
Sobre as sospeitas vertidas sobre a compra do seu piso, Díaz Ayuso sinalou que ese piso pertence á súa parella con quen reside alí "temporalmente", e foi hipotecado.
Falou Díaz Ayuso despois de que hoxe se coñeceran novos datos sobre o caso que afecta a súa parella. A fraude pola que está acusado Alberto González Amador tivo a súa orixe, segundo publica ElDiario.es, en comisións de dous millóns de euros que cobrou por mediar na compravenda de material sanitario nos peores momentos da pandemia. A parella de Díaz Ayuso está acusado de dous delitos de fraude fiscal e outro de falsidade documental.