Baixo custodia do Estado ata que remate o xuízo os bens de Meirás que reclama a familia de Franco
Baixo custodia do Estado ata que remate o xuízo os bens de Meirás que reclama a familia de Franco
O xulgado 70 de Madrid estima as medidas cautelares do Estado e decreta que "os bens queden en depósito" no interior do pazo de Meirás
Baixo a custodia do Estado quedan en total 564 bens ata que remate o xuízo
O maxistrado titular do Xulgado de Primeira Instancia N.º 70 de Madrid acordou a adopción da medida cautelar solicitada pola Administración Xeral do Estado e o Consello de Administración do Patrimonio Nacional e decretou que os bens identificados na demanda, que se atopan situados no interior do Pazo de Meirás, queden en depósito baixo a custodia do Estado ata que se poña fin ao preito.
A Administración do Estado e Patrimonio Nacional solicitaran que os bens quedasen dentro do Pazo de Meiras e en depósito da Administración ata que os tribunais resolvan quen é o seu verdadeiro dono.
Esta é unha medida cautelar que a Abogacía do Estado consideraba "esencial" para garantir a conservación dos 564 bens que reclama a familia do ditador. Son bens de Patrimonio Nacional e Documental e tamén hai outros que son de dominio público.
A esta petición tamén se adheriran a Xunta de Galicia e o Concello de Sada. Precisamente o auto recolle que "no acto da vista, concedida a palabra á Xunta de Galicia, o letrado actuante alega que a medida non supón ningún prexuízo para os demandados, senón máis ben un beneficio, pois garante a conservación dos bens".
O auto do xulgado de Madrid recolle tamén que Concello de Sada alegaba, para pedir as medidas cautelares, que "existen circunstancias obxectivas e suficientes que evidencian un risco dimanante do traslado ou retirada deses bens. Afirma que existe un informe do ISPONA en que se evidencia a falta de conservación actual dalgún deses bens".