Publicador de contidos
Publicador de contidos

Banco Santander gañou 9.605 millóns euros en 2022, un 18 % máis e novo récord

Banco Santander gañou 9.605 millóns euros en 2022, un 18 % máis e novo récord

A presidenta do grupo, Ana Botín, asegura que "foi de novo un ano moi bo para Santander" e agarda que "os bancos centrais e os gobernos sigan priorizando a redución da inflación"

O BBVA publicaba este luns os seus beneficios, que medraban un 38 % respecto ao 2021, e a semana pasada facíao Abanca, que incrementaba a ganancia un 40,7 %

Ana Botín, presidenta do Banco Santander (EFE/Juan Carlos Hidalgo) Ana Botín, presidenta do Banco Santander (EFE/Juan Carlos Hidalgo)
G24.gal 02/02/2023 10:26

O Banco Santander obtivo un beneficio atribuído récord de 9.605 millóns de euros en 2022, un 18 % máis ca o ano anterior, grazas ao crecemento da actividade comercial, á calidade dos activos e ao control dos custos, informou a entidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

As principais marxes da conta de resultados rexistraron incrementos de dous díxitos, especialmente o de ingresos ou xuros, que se situou en 38.619 millóns de euros, un 15,7 % máis, mentres que a marxe bruta, que engade os ingresos por comisións, sumou 52.117 millóns e mellorou nun 12,3 % interanual.

A diversificación xeográfica do Grupo Santander foi unha vez máis unha das claves para lograr estes beneficios, especialmente en Europa, América do Sur e Dixital Consumer Bank.

Por áreas xeográficas, Europa obtivo un beneficio conxunto de 3.810 millóns de euros, un 38 % máis que en 2021, "grazas a un incremento da marxe de xuros, as melloras en eficiencia e un custo do risco estable". En España, a entidade gañou 1.560 millóns, un 149 % máis.

O Grupo Santander pechou 2022 con 160 millóns de clientes, 7 millóns máis que o ano anterior, dos que 27 millóns son vinculados, un 8 % máis, en tanto que 51 millóns son dixitais, que tamén creceron un 8 %. O 55 % das vendas e o 80 % das transaccións realizáronse a través de canles dixitais.

Os impostos sobre beneficios alcanzaron os 4.486 millóns de euros, o que supón unha taxa fiscal efectiva do 29 %, segundo informou este xoves a entidade.  

"2022 foi de novo un ano moi bo para Santander: aumentamos a base de clientes de forma rendible e mantivemos un balance moi sólido. Grazas a iso, o beneficio por acción aumentou un 23 % e o dividendo en efectivo por acción, un 16 %", destacou a presidenta de Banco Santander, Ana Botín.  

"En 2023 esperamos que os bancos centrais e os gobernos sigan priorizando a redución da inflación. Os nosos equipos teñen grande experiencia en xestionar con éxito este tipo de contorna, polo que esperamos que o crecemento dos ingresos compense o aumento dos custos pola inflación e o aumento previsto do custo do risco. Tamén esperamos seguir aumentando o retorno sobre o capital tanxible por acción e o dividendo por acción", engadiu Botín, quen se mostrou convencida de que o foco no cliente e o cumprimento dos obxectivos aumentando a rendibilidade "ano tras ano" permitirá ao grupo "crecer en 2023 e no futuro".

Os resultados do Santander publícanse un día despois de que o BBVA tamén anunciase beneficios récord en 2022: 6.420 millóns, un 38 % máis

A semana pasada era Abanca en Galicia a que publicaba os seus beneficios correspondentes ao ano 2022: 217 millóns, un 40,7 % máis ca en 2021. Ao mesmo tempo a entidade que preside Juan Carlos Escotet anunciaba que recorrería o imposto á banca, que lle supón un impacto de 50 millóns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade