O Baxi Ferrol derrota o Avenida e soña coa fazaña (61-49)
O Baxi Ferrol derrota o Avenida e soña coa fazaña (61-49)
O equipo visitante, que chegaba logo de 13 vitorias, terá que remontar 12 puntos no partido de volta dos cuartos de final da loita polo título
Gala Mestres, con 17 puntos, foi a xogadora máis destacada do partido
O Baxi Ferrol deu a gran sorpresa na ida dos cuartos de final dos play off polo título da Liga Feminina. Derrotou por 61-49 o Perfumerías Avenida, líder na fase regular, e deixou a eliminatoria aberta para o partido de volta.
Desde o primeiro cuarto notouse a intensidade defensiva das xogadoras do Baxi, que gozaron dunha diferenza de oito puntos no primeiro cuarto (15-7) da que o equipo visitante conseguiu recuperarse (15-13). No segundo continuou o dominio ferrolán e mesmo logrou superar a barreira dos dez puntos de vantaxe (33-22). Un 0-4 final deixaba o Avenida outra vez metido no partido.
Parecía que as de Salamanca cambiaban a dinámica á volta do vestiario (38-35), pero nada máis lonxe da realidade. O Baxi explotaba as súas virtudes para volver marchar (44-35). No último cuarto, a renda estabilizouse nos dez puntos e chegou a ser de trece (56-43) a cinco minutos do final.
A vitoria parecía que ía quedar na casa e o Baxi converterse no primeiro equipo que derrotase o Avenida nos catorce últimos partidos. A 1:35, unha tripla poñía o 61-47 (+14), un resultado inimaxinable ao comezo do partido. Ao final a diferenza quedou en doce puntos e todo no aire para o encontro de volta.