Benítez, sobre o Celta: "Están facendo exactamente o que eu lles dixen"
Benítez, sobre o Celta: "Están facendo exactamente o que eu lles dixen"
O exadestrador do equipo vigués lémbrase do Celta nunha canle de YouTube inglesa
Rafa Benítez volveuse lembrar do Celta de Vigo na súa última charla na canle de Youtube The Overlap. Acompañado de lendas como Jamie Carragher, Roy Keane ou Gary Neville o técnico falou de moitos temas a tumba aberta. Entre todos, un deles foi a súa etapa como celtista.
Para introducir o tema Benítez contou como o Celta gañou o seu si. Ao seu ver, deixáronlle clara a súa confianza e, malia que el vivira en Liverpool, a súa muller é de Ourense e o proxecto de tres anos ilusionouno. Coa presenza de Luis Campos, aparellado a un PSG do que cría poder beneficiarse, e un proxecto dese prazo Rafa contaba con mellorar o cadro de xogadores e o seu nivel para tentar acadar a clasificación europea neses anos. Segundo di, despois de conseguir ese mérito a súa intención era a de volver a Inglaterra.
Todo sucedeu de maneira moi distinta a como Benítez imaxinou e agora, máis dun ano despois da súa contratación, atópase fóra do Celta tralo seu despedimento. Relativo á situación do club vigués Benítez afirmou que el xa vaticinara moitas das cousas que debían facerse:
"Están facendo exactamente o que eu lles dixen. Se ves aos xogadores dos que se están desfacendo, fan exactamente o que lles dixen pero con outro home".
Rafa Benítez, ademais, realizou unha exemplificación onde denunciaba a situación dos xogadores que non xogan, como estes falan cos presidentes e estes comezan a exercer presión ou desestabilizar a situación. Este exemplo fai alusión, de maneira indirecta á súa etapa no Inter de Milán e, quizais, tamén á do Celta.
Dentro desta longa charla de máis dunha hora, Benítez tamén afirma que cos "xogadores axeitados" pode "gañar a calquera".