Publicador de contidos
Publicador de contidos

Beryl deixa dous mortos, un apagamento masivo e centos de voos cancelados nos EUA

Beryl deixa dous mortos, un apagamento masivo e centos de voos cancelados nos EUA

Ambas as dúas mortes aconteceron por mor de árbores que caeron sobre vivendas

Proseguirá o seu percorrido cara ao nordeste, pasando por Mississippi e Ohio, e unha das maiores preocupacións é a marusía provocada polo furacán

Árbore caída sobre un coche en Ganado, Texas (REUTERS/Daniel Becerril) Árbore caída sobre un coche en Ganado, Texas (REUTERS/Daniel Becerril)
G24.gal 08/07/2024 20:14 Última actualización 08/07/2024 20:54

A  tormenta tropical Beryl causou este luns polo menos dúas vítimas mortais en Texas, nos EUA. Ademais, deixou sen electricidade a máis de 2,5 millóns de clientes no estado e obrigou á cancelación de centos de voos.

Segundo informou en redes sociais o alguacil do condado de Harris, Ed González, dúas persoas faleceron despois de que, en ambos os casos, unha árbore caese nas súas vivendas na área de Houston como resultado dos fortes ventos.

O alguacil sinalou que unha muller de 74 anos pereceu no seu dormitorio despois de que unha árbore caese e atravesase o tellado da súa casa. Previamente González reportou hoxe o deceso dun pai de familia de 53 anos.

"Estaba sentado en casa coa súa familia, resistindo a tormenta. Un carballo caeu sobre o teito e golpeou as vigas, a estrutura caeu sobre o home. Esposa e fillos ilesos", explicou o alguacil na rede social X.

Beryl, que na madrugada do luns tocou terra na localidade texana de Matagorda como un ciclón de categoría 1 na escala Saffir-Simpson, descarga potentes choivas no sueste do estado, onde ademais se rexistran fortes ventos.

De acordo coa web especializada PowerOutage, cara ao mediodía do luns máis de 2,5 millóns de vivendas e oficinas achábanse sen enerxía por mor do que é o primeiro furacán que toca chan estadounidense na actual tempada no Atlántico.

Ademais, a esa hora o 70 % dos voos dos aeroportos internacionais George Bush e William P. Hobby, ambos en Houston (a cuarta cidade máis poboada dos EUA), achábanse cancelados.

Tras tocar terra sobre as 4 da madrugada, hora local, as primeiras imaxes diúrnas mostran rúas asolagadas, árbores caídas e entullos en poboacións costeiras como Surfside Beach, onde o tráfico de vehículos permanece clausurado.

A marusía ciclónica

Segundo o NHC, Beryl avanza terra dentro xa como tormenta tropical, con ventos máximos sostidos de 110 quilómetros por hora cara ao nordeste a unha velocidade de 20 km/h. O furacán vai continuar por Texas e logo proseguirá polo val do Mississippi o martes e no val de Ohio o mércores.

A preocupación actual é a marusía ciclónica que produce Beryl, que pode aumentar o nivel do mar ata 1,8 metros por enriba da media en cidades como Freeport e Galveston.

Antes da súa chegada aos Estados Unidos Beryl alcanzou hai unha semana a máxima categoría na escala Saffir-Simpson, de 5, no Caribe, onde causou morte e destrución, e despois tocou terra a madrugada do venres en Tulum, México.

Este ano o Atlántico terá unha tempada de furacáns moi por encima da media, coa posibilidade de ata 13 furacáns, dos cales ata sete poden ser de categoría maior, segundo a Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica (NOAA) dos Estados Unidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos