Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden confírmalle a Zelenski o envío dun novo paquete de axuda militar

Biden confírmalle a Zelenski o envío dun novo paquete de axuda militar

Un alto funcionario estadounidense di que está valorado en 375 millóns de dólares

Zelenski cre que Rusia "non" tomou Bakhmut, pero réstalle importancia estratéxica á cidade

Imaxe da xuntanza de ambos os dous mandatarios Imaxe da xuntanza de ambos os dous mandatarios
G24.gal 21/05/2023 08:13 Última actualización 21/05/2023 13:12

O presidente estadounidense, Joe Biden, anunciou este domingo un novo paquete de axuda militar a Ucraína durante unha reunión co seu homólogo ucraíno, Volodímir Zelenski, na cidade xaponesa de Hiroshima, nas marxes do G-7.

Biden non especificou a contía da axuda, pero un alto funcionario estadounidense dixo que está valorada en 375 millóns de dólares e inclúe armas que xa enviaron a Ucraína, como artillería, munición, vehículos blindados ou foguetes de alta mobilidade.

"Os Estados Unidos seguen axudando a Ucraína a defenderse, a responder e a recuperarse. Tamén estamos a axudar na súa procura por unha paz xusta. Hai un aspecto, que é a soberanía e a integridade territorial de Ucraína, que non é negociable", afirmou o líder estadounidense.

Acto seguido, Zelenski deulle as grazas pola axuda militar e por estar ao seu lado, "ombreiro con ombreiro", para facer fronte á invasión rusa de Ucraína que empezou en febreiro de 2022.

Desde o inicio da guerra, os Estados Unidos entregaron a Ucraína 36.900 millóns de dólares en asistencia militar, segundo datos do Pentágono.

Volodímir Zelenski cos líderes do G-7 en Hiroshima Volodímir Zelenski cos líderes do G-7 en Hiroshima

Toma de Bakhmut

Respecto á situación de Bakhmut, en resposta a preguntas da prensa, dixo crer que Rusia non tomara a cidade, á que lle restou importancia estratéxica.

"O que vostede debe entender é que non hai nada, destruíron todos os edificios. Polo de agora, Bakhmut só existe nos nosos corazóns. Non hai nada. Moitos soldados rusos mortos, pero eles viñeron a por nós".

Ambos os dous líderes reuníronse no luxoso Grand Prince Hotel na illa de Ujina, sede central do cume do G-7 que terminará este domingo tras tres días de encontros.

A visita de Zelenski ten un dobre obxectivo: lograr maior apoio militar e establecer conversas con países como o Brasil e a India, que rexeitaron aliñarse con Occidente na súa condena á invasión e seguen comerciando con Rusia.

Antes de chegar ao Xapón, Zelenski xa se anotou varias vitorias ao conseguir que o G-7 anunciara unha rolda de sancións contra Rusia e facer que Biden cambiara a súa opinión sobre os cazas F-16 de fabricación estadounidense que Kíiv levaba reclamando desde hai meses.

Cuarto encontro

A deste domingo foi a cuarta reunión bilateral entre ambos os dous líderes desde que Biden chegou á Casa Branca en xaneiro de 2021.

As dúas primeiras foron en Washingthon: unha en setembro de 2021 antes do inicio da guerra e a segunda foi en decembro de 2022, na que supuxo a primeira visita ao estranxeiro de Zelenski desde que comezou a invasión rusa en febreiro do ano pasado.

O terceiro encontro foi en Kíiv, cando Biden acudiu por sorpresa antes dunha visita a Polonia e cando se cumpría o aniversario do inicio da invasión rusa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade