Publicador de contidos
Publicador de contidos

España é un "aliado indispensable", di Biden ao renovar a relación bilateral

España é un "aliado indispensable", di Biden ao renovar a relación bilateral

Os EUA queren reforzar a súa presenza e a da OTAN no sur europeo

O rei expresa o desexo de fortalecer as relacións entre os países

G24.gal 28/06/2022 15:12 Última actualización 28/06/2022 21:22

Os presidentes de España, Pedro Sánchez, e de EEUU, Joe Biden, renovaron este martes as bases da súa relación bilateral en materia de defensa, seguridade, dereitos humanos, igualdade de xénero, inmigración, cambio climático ou enerxía e cooperación científica, entre outros asuntos.

Nunha declaración conxunta selada por ambos os mandatarios nunha reunión no Palacio da Moncloa, resáltase a relación sólida entre ambos os países, socios estratéxicos e aliados a quen une fortes raíces históricas.

"Estou particularmente satisfeito da nova declaración conxunta entre España e Estados Unidos que vai actualizar e en consecuencia vai fortalecer as relacións entre os dous países", remarcou Sánchez aos medios en presenza de Biden.

O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, que a primeira hora desta tarde chegaba a Madrid para participar no cumio da OTAN, comunicoulle oficialmente ao xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, un aumento dos destrutores na base naval de Rota (Cádiz) de catro a seis para reforzar a presenza militar do seu país e da OTAN na zona.

Así o anunciara previamente o asesor de seguridade nacional da Casa Branca, Jake Sullivan, nunha conferenica de prensa no avión que traía a Biden de camiño a España.

A medida terá que ser aprobada polo Goberno e o Parlamento españois.

Sullivan destacou que o aumento do número dos destrutores permitirá aumentar a presenza marítima dos EUA e da OTAN en todos os dominios marítimos relevantes e que forma parte dunha serie de anuncios que levarán a cabo, mañá, mércores, no cumio.

O asesor de Seguridade Nacional explicou que no encontro varios países informarán dos seus compromisos para reforzar o flanco este de a OTAN e nesa liña os Estados Unidos farán "anuncios específicos" sobre o envío de forzas adicionais terrestres, marítimas e aéreas, dure o que dure o conflito en Ucraína.

Biden chegaba a Madrid procedente de Alemaña, onde participou no cumio do G7, e foi recibido a pe de pista polo rei Filipe VI, acompañado polo ministro de Exteriores, José Manuel Albares, e a titular de Defensa, Margarita Robles.

Despois, Joe Biden, trasladouse ao Palacio da Moncloa para reunirse con Sánchez. A súa visita é a do o décimo presidente estadounidense a España. O último en facelo ata o de agora foi Barack Obama en 2016.

Os Estados Unidos xa anunciaran en marzo que a base naval de Rota estaba lista para acoller outros dous barcos destrutores máis, á parte dos catro que se atopan actualmente nela.

O principal comandante militar da OTAN e xefe do Comando Europeo dos EUA (EUCOM), o xeneral Tod Wolters, sinalou que a infraestrutura estaba xa preparada para acoller eses dous destrutores nunha comparecencia ante o Comité de Servizos Armados do Senado para dar explicacións sobre as medidas adoptadas fronte á invasión rusa de Ucraína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade