Sae da Franxa de Gaza o segundo grupo de reféns liberados por Hamás

O grupo islamita atrasara a entrega ao acusar a Israel de incumprir o acordo

G24.gal 25/11/2023 08:41 Última actualización 25/11/2023 23:16

O segundo grupo de reféns liberados por Hamás, 13 israelís e 4 estranxeiros, xa saíron da Franxa de Gaza e atópanse en Exipto, onde equipos da Cruz Vermella transferíronos aos servizos de seguridade israelís.

Majed al Ansari, portavoz do Ministerio de Exteriores de Qatar, país mediador no acordo entre o grupo islamita e Israel, confirmou na tarde do sábado o intercambio que Hamás atrasara por desavinzas coa outra parte.

"Tras un atraso na implementación da liberación de prisioneiros de ambas as dúas partes, os obstáculos foron superados a través das comunicacións qatarís-exipcias, e esta noite 39 civís palestinos serán liberados a cambio da liberación de 13 detidos israelís de Gaza ademais de 7 estranxeiros fóra do marco do acordo", afirmou o responsable qatarí na súa conta oficial de X.

Entre os excarcerados de prisións israelís hai "33 menores e 6 mulleres", mentres que os reféns israelís en mans de Hamás son 8 menores e 5 mulleres, ademais de sete estranxeiros, dos cales non deu detalles.

Hamás acusara a Israel de violar os termos do acordo que alcanzaron sobre a entrada de axuda humanitaria e a excarceración de presos palestinos con máis antigüidade nos cárceres. Israel negouno.

Aumento da tensión

A incerteza das liberacións fixo aumentar a tensión entre os familiares dos reféns, e tamén arredor da cadea de onde sairían os prisioneiros palestinos. As forzas israelís feriron varios manifestantes que se congregaban ás portas.

Os 24 reféns liberados o venres, xa puideron reunirse coas familias despois de recibiren atención médica, igual que os presos liberados. 

O compromiso ao que se chegou esta semana é que durante estes catro días Hamás liberaría 50 secuestrados israelís a cambio de 150 presos palestinos que Israel sacaría dos cárceres.

Esixiuse ademais un cesamento dos bombardeos e a entrada segura de axuda humanitaria, que inclúe combustible e gas.

Ampliación da tregua

O presidente estadounidense, Joe Biden, asegurou nas últimas horas que hai "posibilidades reais" de que a tregua humanitaria en Gaza se amplíe máis días dos catro pactados e asegurou que ata o de agora "todo saíu ben".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade