Bildu ratifica a Sánchez a súa disposición a apoialo na investidura e volver colaborar
Bildu ratifica a Sánchez a súa disposición a apoialo na investidura e volver colaborar
É o primeiro encontro do líder do PSOE con esta formación en busca de apoios para formar Goberno
EH Bildu ratificou ao presidente do Goberno en funcións e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, na súa reunión deste venres, a súa disposición para apoialo na investidura para frear un Executivo de PP e Vox, e trasladoulle a súa "plena disposición a volver colaborar" nesta lexislatura.
Sánchez reuniuse este venres no Congreso dentro da súa rolda de contactos para a investidura coa portavoz de EH Bildu nesta cámara, Mertxe Aizpurúa, e no Senado, Gorka Elejabarrieta, un encontro moi significativo ao ser o primeiro do líder do PSOE con esta formación en busca de apoios para formar Goberno e que a formación abertzale considera un "fito".
Pola parte socialista estiveron presentes tamén a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, e o secretario de Organización do PSOE, Santos Cerdán.
Nunha nota de prensa en éuscaro e castelán, EH Bildu deixou claro que apoiará a Sánchez, ao sinalar que "frear a ultradereita é un mandato democrático" co que ten "absoluta responsabilidade e determinación". "EH Bildu fai o que di e di o que fai. É por iso que non especula nin especulará respecto á súa posición neste momento crucial", subliña.
E engade que na reunión trasladaron a Sánchez a súa "plena disposición a volver colaborar co desenvolvemento e consolidación dunha lexislatura de continuidade nos seus aspectos máis positivos, aínda que con ambición para resolver as cuestións pendentes".
Dende o Partido Popular cualifican de "indigno" o encontro de Pedro Sánchez coa voceira de Bildu no Congreso. Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido, "é un branqueamento indecente de Bildu porque é o partido que hai uns meses levaba nas súas listas electorais 40 condenados por terrorismo, é o partido que se nega a condenar o asasinato no noso país de preto de mil españois por parte da banda terrorista ETA".