Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fragata Blas de Lezo viaxa rumbo ao Mar Negro antes do previsto

A fragata Blas de Lezo viaxa rumbo ao Mar Negro antes do previsto

A saída adiantouse polo aumento das tensións entre Rusia e Ucraína

Pedro Sánchez aposta pola diplomacia para resolver a crise

G24.gal 22/01/2022 10:03 Última actualización 20:00

A fragata Blas de Lezo partiu ás oito e media da mañá do arsenal militar de Ferrol con destino ao Mar Negro, previa escala na base de Rota, en Cádiz.

Vaise integrar nunha das agrupacións da OTAN para participar nunhas manobras que xa estaban previstas, pero que as autoridades españolas decidiron adiantar coincidindo coa escalada de tensión entre Rusia e Ucraína. O buque leva a bordo 220 militares, homes e mulleres.

España xa enviou hai dous días un cazaminas e non descarta a implicación de tropas españolas, unha postura que divide os socios de Goberno. O exvicepresidente, Pablo Iglesias, advertiu este sábado de que ir á guerra cunha potencia nuclear como Rusia pode resultar perigoso.

"Vostede pensa, ministra, que a xente é parva? Europa non ten o máis mínimo interese en que haxa unha confrontación militar en solo europeo cunha potencia que ten armas nucleares, pensan que a xente non entende isto, que é perigoso ir á guerra con Rusia?".

A través das redes sociais, o presidente do Goberno dixo que é o momento da diplomacia. Pedro Sanchez, que afirma estar en contacto permanente coa UE, aposta pola unidade, a distensión e o diálogo para resolver a crise.

Mentres, desde Bruxelas xa advertiron de que haberá sancións contra Rusia en caso dun ataque a Ucraína. Lembran que en 2014, cando os rusos anexionaron ilegalmente a peninsula ucraína de Crimea, a UE só tardou 72 horas en aprobar sancións económicas e industrais.

O luns reúnese o consello de ministros de exteriores comunitario pero en principio non está previsto que se fale de sancións específicas contra Rusia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade