Publicador de contidos
Publicador de contidos

Boa parte de Galicia entra nas próximas xornadas en risco extremo de incendio forestal

Boa parte de Galicia entra nas próximas xornadas en risco extremo de incendio forestal

A ministra de Defensa comproba in situ a marcha da operación Centinela Galego de loita contra o lume, que permanecerá operativa en Galicia ata o 30 de setembro

G24.gal 21/08/2023 15:13

Nas próximas xornadas e coa suba de temperaturas prevista, boa parte de Galicia entrará en risco extremo de incendio forestal. A situación empeora cara a finais da semana. Para vixiar o monte e disuadir os incendiarios, o Exército colabora coa Xunta na denominada operación Centinela Galego. Unha despregadura que hoxe quixo coñecer a ministra de Defensa.

Margarita Robles visitou a mediodía a sede da Brilat en Figueirido, á que pertencen 25 das 30 patrullas despregadas en Galicia pola operación Centinela, de loita contra os incendios forestais.

"Estas ondas de calor que están vindo son moi perigosas e por tanto hai que concienciar á cidadanía. E hai que dicir tamén que este traballo da Xunta co Ministerio de Defensa, en concreto coa Brilat e coa Infantería de Marina, está dando moi bos resultados", declarou a ministra.

En total a operación Centinela Gallego ten 98 militares e 30 vehículos despregados sobre o territorio as 24 horas do día e os sete días da semana, desde o pasado 15 de agosto e como mínimo ata o 30 de setembro, xa que esta colaboración podería ampliarse se o solicita a Xunta.

Trátase dun convenio que Defensa e a Administración Autonómica manteñen desde 2008 e que este ano se amplía coa integración dun novo distrito Forestal, que incorpora seis municipios máis. Serían en total 39 en oito distritos. Un dos que entran é Folgoso do Courel que o ano pasado sufriu un dos incendios con maior impacto ecolóxico do verán pasado en Galicia.

A Ministra supervisou hoxe a entrega do novo material, entre outros unha ambulancia e 45 vehículos URO, fabricados en Santiago, e que estarán a disposición da operación antes de finais de setembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade