Boas expectativas para o verán nas axencias de viaxes
A facturación non chega aínda aos niveis anteriores á pandemia
A recuperación é máis lenta nas viaxes de longa distancia
Tras a longa travesía da covid, as axencias miran o verán con optimismo. O negocio aproxímase ás cifras anteriores á pandemia.
Benito Domínguez, Viaxes Low Cost: "Hai demanda, a xente quere viaxar. O 20 foi unha caída do 95% da facturación, o ano pasado do 40-50, e este ano, a ver se acabamos cunha caída dun vinte".
"Xa había ganas, despois de dous anos e medio con esta pandemia...", confirma un cliente da axencia que está a reservar unha viaxe a Tenerife.
Destinos
Sol, praia e distancia, é o que buscan a maioría dos clientes, pero non moita: o encarecemento dos prezos e as limitacións que aínda impón a covid nalgúns destinos, benefician o turismo de proximidade cara ás illas e dentro de Europa.
Carlos Puga, director de Viaxes Puga: "O Xapón aínda non abriu para os europeos, abriu para os Estados Unidos e así, á China, por exemplo, é case imposible viaxar porque igual te obrigan a facer corentena cando chegas".
Os prezos son outra limitación á hora de planificar a viaxe.
Benito Domínguez, Viaxes Low Cost: "Polo tema do carburante: os billetes de avión custan agora mesmo moito máis que hai dous anos, e teñen menos prazos porque aínda non se recuperou toda a operativa aérea que había antes da pandemia".
Iso si, advirten que non agardemos por ofertas de última hora porque a previsión é que os prezos suban aínda máis.