Bombeiros estonianos integráronse 15 días no operativo galego contra os incendios forestais
Bombeiros estonianos integráronse 15 días no operativo galego contra os incendios forestais
O Mecanismo de Protección Civil de UE está a promover a posta en común de coñecementos e técnicas entre bombeiros do Norte e do Sur de Europa
Bombeiros do norte e do sur de Europa tiveron a oportunidade de traballar xuntos este verán. Unha vintena de profesionais de Estonia viñeron a Galicia; outros bombeiros de Finlandia viaxaron a Portugal, por exemplo. Esta mañá os que estiveron en Galicia chegaban á base de Toén para recapitular, despois de 15 días integrados no operativo.
"Colaboraron en tarefas de ataque directo e indirecto, liquidación e extinción, e emprego de lume táctico", explicou Martín Blanco, do Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios da Xunta.
Janno Pajupuu, bombeiro de Estonia, explicou que eles non adoitan usar o contra lume e que por iso era un dos seus principais intereses aquí. Puideron coñecelo nos traballos de extinción deste incendio de Oseira. Tres días de operativo, entre o 20 e o 22 de agosto.
Din que teñen en común con nós algúns métodos e equipamentos, pero eles son bombeiros urbanos non especializados en incendios forestais por iso lles chamou a atención a efectividade de buldozers, maquinaria pesada ou dos medios aéreos.
"Nesas latitudes son habituais os lumes de subsolo, que para nós non son tan comúns. Alí hai turbeiras e zonas de tundra", dixo Martín Blanco Servizo de Prevención e Defensa contra os incendios da Xunta.
As turbeiras que son escasas en Galicia, pero hainas, por exemplo serra do Xistral. Nelas os incendios son aparentemente pouco activos, pero duran días e son moi malos de extinguir.
Humor, compañeirismo e moitos coñecementos compartidos son o resultado de 15 días de posta en común, promovidos polo Mecanismo de Protección Civil da Unión Europea para prepararnos a todos para unha das consecuencias do cambio climático: os grandes incendios que hoxe mesmo están a provocar danos e sufrimento en países como Grecia ou Turquía.