Publicador de contidos
Publicador de contidos

Boris Johnson contaría cos apoios suficientes para acceder ás primarias

Boris Johnson contaría cos apoios suficientes para acceder ás primarias

Rishi Sunak, exministro de Economía, supera as cen sinaturas necesarias

Ningún dos dous candidatos anunciou oficialmente se se van presentar

G24.gal 22/10/2022 20:18 Última actualización 23/10/2022 14:14

No Reino Unido están á espera de coñecer os nomes dos aspirantes a substituír a exprimeira ministra Liz Truss á fronte do partido conservador e do Goberno. Hai dous aspirantes que contan cos avais necesarios para ser candidatos, Boris Johnson e o exministro de Economía, Rishi Sunak. Os dous gardan silencio sobre as súas intencións. Teñen de prazo ata o luns.

Boris Johnson aterrou este sábado no aeroporto de Gatwick procedente da República Dominicana, onde pasaba unhas vacacións coa súa familia. Un medio británico contou que algúns pasaxeiros do avión apuparon o exprimeiro ministro.

A pesar de que Johnson non fixo comentarios en público sobre as súas intencións, fontes da súa campaña afirman que está disposto a competir nas primarias do partido conservador e volver a Downing Street un mes despois de abandonalo. E aseguran que conseguiu reunir os avais necesarios para ser candidato.

Pero varios deputados conservadores desmentírono e din que Johnson só contaría coa metade das cen sinaturas que precisa.

Rishi Sunak

Quen si parece contar xa desde o venres cos avais necesarios é o exministro de economía Rishi Sunak, o perdedor fronte a Liz Truss das primarias anteriores celebradas hai unhas semanas. Sunak tampouco se pronunciou publicamente sobre a súa candidatura. Segundo parece, non quere unha segunda derrota e podería estar á espera de saber se Johnson ten ou non as cen sinaturas.

Atrás quedaría a única aspirante oficial, a exministra de Defensa Penny Mordaunt, que a penas supera a vintena de avais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade