Publicador de contidos
Publicador de contidos

Borja San Ramón: "A marca de auga de Podemos Galicia foi sempre chegar a acordos amplos"

Borja San Ramón: "A marca de auga de Podemos Galicia foi sempre chegar a acordos amplos"

O novo coordinador nacional da formación morada aposta pola unidade electoral para as municipais, autonómicas e xerais
 

O secretario xeral de Podemos Galicia, Borja San Ramón (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 22/12/2022 10:22

O recentemente elixido coordinador nacional de Podemos Galicia, Borja San Ramón, confirmaba nunha entrevista no Galicia por diante que hai conversas avanzadas con outras forzas políticas para presentarse xuntos ás eleccións municipais.  

Explicaba San Ramón que en Santiago hai "boas perspectivas de chegar a un acordo" con Compostela Aberta.  Ademais apuntou que "na Coruña, Podemos e Esquerda Unida, están a traballar nunha candidatura conxunta. En Lugo hai reunións e en Ourense hai conversas con Ourense Mellor e Equo". 

"Eu teño moito respecto polo nosos procesos orgánicos. Os acordos acadaranse polas executivas locais. Nós temos os deberes feitos. Desde hai meses temos candidatos en medio cento de concellos. A partir de aí,  nós estamos abertos a conversas e negociacións con tódalas forzas políticas de cambio e progresistas nas cidades e vilas para intentar chegar ós acordos máis amplos posibles. A marca de auga de Podemos Galicia sempre foi chegar ós acordos máis amplos", apuntaba. 

San Ramón explicou que as candidaturas de Podemos ás municipais "cubrirían o 65 por cento do censo electoral, pero dentro do traballo que temos que facer, creo que hai perspectivas boas e podemos ser sorpresa neses comicios para consolidar a organización en Galicia e ampliala". 

Sumar 

O novo coordinador nacional de Podemos Galicia, ó que se considera unha persoa próxima á vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, avoga pola unidade electoral con Sumar. 

"Eu teño moita confianza na nosa secretaria xeral, Ione Belarra, na nosa secretaria de organización e en Yolanda Díaz. Para que poidan traballar nunha candidatura que é o que todos queremos e o que nos transmite sempre a xente da rúa, que quere unha candidatura conxunta e que quere traballar por sumar". 

San Ramón evita falar de coalición electoral e quítalle importancia ao debate sobre a presenza do nome de Podemos na papeleta. 

"Non é unha cuestión de nome senón do proxecto político que se poña enriba da mesa. Obviamente que Podemos ten que estar, tanto con nomes coma con candidatos, con programa pero nós, en Galicia sabémolo ben desde o 2014, nunca temos unha perspectiva que non sexa a de ter candidaturas amplas. Sempre foi a nosa prioridade e para iso sempre imos traballar", asegura. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade