Borja Sémper pídelle explicacións ao Goberno polo caso Mediador
Borja Sémper pídelle explicacións ao Goberno polo caso Mediador
O voceiro de campaña do PP reclama contundencia tanto ao Goberno canario coma ao PSOE
Sémper cre que "hai tempo" para convencer a cidadanía de que a alternativa do PP é "a mellor"
O Partido Popular presenta hoxe os 313 candidatos que concorrerán en maio ás eleccións municipais. O voceiro de campaña do PP, Borja Sémper, asegurou nunha entrevista no Bos Días que os populares concorren aos comicios con boas perspectivas, "conscientes de que podemos ter un resultado bo", e salienta "a forza, ilusión e potencia política" que ao seu xuízo ten en Galicia o PPdeG.
"Somos conscientes da dificultade pero hai tempo, temos dous ou tres meses para convencer os cidadáns de que a alternativa que representa o PP é a máis idónea".
Sémper aspira a recuperar espazo nas cidades tras as eleccións municipais, xa que, ao seu xuízo, "hai lugares onde o cambio é necesario". Afirma que o obxectivo do actual líder do PP, Alberto Núñez Feijoo, é "ensanchar o espazo político do Partido Popular".
Recoñece que aceptou o convite do presidente do PP para pilotar a campaña electoral porque "se te invitan a xogar e dinche 'sae ao campo' sería de mal xogador dicir que che pica un xemelgo". Segundo explicou na entrevista: "É o momento de arrimar o ombreiro e colaborar para tentar cambiar as cousas en España".
Caso Mediador
O voceiro de campaña do PP pídelle explicacións ao Goberno canario e ao Partido Socialista polo caso Mediador, a suposta trama de subornos pola que dimitiu un deputado canario do PSOE e que apunta tamén a outros 15 deputados socialistas.
Borja Sémper esíxelles aos socialistas a mesma contundencia que amosaron no seu día con outros casos de corrupción que salpicaron o PP.
"Agora o mínimo que podemos pedir e que esa mesma contundencia se esixa ante este caso de corrupción que ten unha dimensión económica e outra moi cutre e fea".
O portavoz de campaña dos populares volveu criticar a lei do "só si é si". Asegura que esta "chapuza legal" beneficiou xa a 500 agresores sexuais en España e permitiu que saíran de prisión antes de tempo máis de medio cento. Aféalle ao Goberno que ata o de agora non houbera ningunha dimisión.
"Ninguén asumiu responsabilidades nin pediu perdón e desde o Goberno ninguén fixo un xesto de humildade que tente reparar a inmensa chapuza legal e política que trouxo esta lei".
Sémper denuncia que esta "torpeza" política está provocando unha "revitimización" que "atenta directamente contra a muller, contra a súa tranquilidade e contra o bo goberno".