Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dimiten outros tres ministros en protesta pola continuidade de Johnson

Dimiten outros tres ministros en protesta pola continuidade de Johnson

Lewis, ministro clave do gabinete de Johnson, dixo que "lamentaba profundamente" deixar o Goberno pero que deste se espera "honestidade, integridade e mutuo respecto"

Deputados conservadores preparan cambios nos estatutos do partido para unha nova moción de censura interna

G24.gal 07/07/2022 08:49 Última actualización 07/07/2022 10:02

O ministro británico para Irlanda do Norte Brandon Lewis presentou este xoves a súa dimisión en protesta pola continuidade do primeiro ministro Boris Johnson no cargo. Así, son xa máis de 40 os membros do Goberno que presentaron a renuncia.

Lewis, ministro clave do gabinete de Johnson, dixo que "lamentaba profundamente" deixar o Goberno pero que deste se espera "honestidade, integridade e mutuo respecto".

Cada vez son máis os membros do Goberno que decidiron renunciar en protesta polos continuos escándalos que rodearon a Johnson e a negativa deste a marchar do poder.

Pouco despois de coñecerse a partida de Lewis, tamén presentaron a renuncia o secretario de Estado de Seguridade Damian Hinds e a secretaria de Estado do Tesouro Helen Whately.

A pesar desta vaga de dimisións e de que varios ministros trataron de convencelo onte á noite para que deixase o poder, o primeiro ministro británico Boris Johnson négase a dimitir.

Na súa carta de dimisión, o agora exministro para Irlanda do Norte dixo que defendeu o Goberno "tanto en público como en privado", pero:  "Agora pasamos o punto de non retorno". 

"Non podo sacrificar a miña integridade persoal para defender as cousas como están. Está claro que o noso partido, os colegas parlamentarios, os voluntarios e todo o país merecen algo mellor", sinalou Lewis na súa misiva ao primeiro ministro.

Pola súa banda, o agora exsecretario de Estado de Seguridade pediu un cambio de liderado no Partido Conservador: "Polo ben do país e a confianza na nosa democracia".

Entrementres, Helen Whately recoñeceu que apoiara as políticas de Johnson pero que se chegou ao límite das desculpas que deu o primeiro ministro ao país polos escándalos.

Con estas novas dimisións, aumenta a presión sobre Johnson para que dimita, e o influente Comité 1922, que agrupa os deputados conservadores sen carteira, prepara unha modificación das súas regras para celebrar outra moción de censura interna contra Johnson a fin de forzar a saída do primeiro ministro.

Johnson argumenta que conta cun forte apoio do electorado tras gañar por maioría nas xerais de 2019, pero o sistema político do Reino Unido esixe que un líder dun partido poida formar goberno se conta co apoio do seu grupo parlamentario, algo que claramente se erosionou nas últimas horas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade