Bruno Dapena: "O proxecto de Altri en Palas de Rei está deseñado cos máis altos estándares medioambientais"
Bruno Dapena: "O proxecto de Altri en Palas de Rei está deseñado cos máis altos estándares medioambientais"
Bruno Dapena: "O proxecto de Altri en Palas de Rei está deseñado cos máis altos estándares medioambientais"
O director do complexo de fibras téxtiles apunta que o financiamento e as subvencións son unha parte importante para que o accionista toma a decisión de seguir adiante
O director do proxecto de Altri en Palas de Rei, Bruno Dapena, asegura nunha entrevista no programa Galicia por diante da Radio Galega que o complexo de fibras téxtiles "está deseñado cos máis altos estándares medioambientais". Lamenta que haxa "moita desinformación" e defende que é un proceso que "cumpre estritamente con toda a normativa tanto europea como estatal e autonómica, que é moi rigorosa. Fíxose un traballo moi serio e rigoroso e esperamos que pronto toda a tramitación ambiental remate cun resultado favorable".
Afirmou que "os requisitos ambientais son moi estritos pero estamos traballando duro para cumprir e para dar completa tranquilidade á administración e ós cidadáns de que é un proxecto realmente sostible desde o punto de vista medioambiental e co cumprimento estrito e rigoroso de toda a normativa".
Sobre o financiamento do proxecto, explicou que "estamos falando con todas as administracións tanto a nivel europeo como estatal e autonómico. Tratando de adherirnos a posibles vías de financiamento e axudas". Recoñece que esas subvencións serán unha parte importante e determinante para que o accionista tome a decisión de seguir adiante co proxecto. Con todo, amósase optimista porque "o proxecto cumpre coas directrices de enerxía e clima que esixe a Unión Europea e está aliñado con eses requisitos. É un candidato perfecto". Por outra banda, explicou que está negociando unha axuda directa co Ministerio de Industria que espera se concrete nos próximos meses.
Evitou valorar o posicionamento a respecto do proxecto de partidos como BNG e o PSdeG e apunta que "non entramos nese tipo de valoracións. Nós tratamos de facer as cousas o máis rigorosas para que a administración poida avanzar e constituír as axudas que precisamos para arrancar o proxecto e os permisos medioambientais requiridos para empezar a actividade".
Calcula que se a tramitación ambiental e o financiamento marchan segundo o previsto, o proxecto arrancará en 2025. Di que en 36 ou 38 meses xa se estarían a producir os "primeiros fardos de fíos".
Salienta que está a recibir moitas solicitudes de emprego pero lembra que "a nosa intención é a de contratar á maior xente posible da comarca".