A UE alcanza un acordo político para excluír varios bancos rusos do SWIFT
A UE alcanza un acordo político para excluír varios bancos rusos do SWIFT
Pecha o espazo aéreo comunitario a calquera avión ruso
Aproba 500 millóns para comprar equipamento militar para Ucraína
Concede protección temporal á poboación ucraína que chegue á UE
A Unión Europea alcanzou este domingo un acordo político para excluír varios bancos rusos do sistema de pagos interbancarios SWIFT e formalizou a paralización das transaccións co Banco Central de Rusia, un golpe sen precedentes á economía do país en resposta á invasión de Ucraína.
"Alcanzamos un acordo para sacar de SWIFT certos bancos rusos e impoñer medidas restritivas que paralizarán os activos do Banco Central de Rusia", dixo o alto representante da Unión Europea para os Asuntos Exteriores Josep Borrell en conferencia de prensa.
O bloqueo ás transaccións co Banco Central de Rusia entrará en vigor no momento en que se publique a medida no Diario Oficial da UE. Porén, a exclusión das entidades rusas de SWIFT require aínda dun trámite legal máis, previsto de xeito inminente.
Cincocentos millóns de euros
Ademais, Bruxelas acordou conceder 450 millóns de euros para financiar a compra de material militar letal para Ucraína e outros 50 millóns de euros para material non letal, como combustible ou equipos de protección.
"Decidimos utilizar as nosas capacidades para dar armas, armas letais, asistencia letal ao exército ucraíno, por valor de 450 millóns de paquete de apoio, e 50 millóns máis para subministracións non letais, como combustible e equipos de protección", anunciou Borrell.
O alto representante explicou que todo iso será cuberto polo Fondo Europeo de Apoio á Paz, que conta con 5.000 millóns de euros para o período entre 2021 e 2027 e está financiado polos Estados membros, non polo orzamento da UE.
Borrell salientou que é “a primeira vez na historia” que a UE financia conxuntamente este tipo de equipos, para o que estivo “todo o mundo de acordo ou, polo menos, non obstruíu esta decisión”.
Tamén explicou que Polonia, país limítrofe con Ucraína, se ofreceu como centro loxístico para reunir os equipos antes da súa entrega ao Goberno ucraíno e agregou que este luns os ministros de Defensa comunitarios se reunirán para tratdar os detalles.
Peche do espazo aéreo
Na mesma rolda de prensa, a presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen propuxo pechar o espazo aéreo da UE para a aterraxe, engalaxe ou paso de calquera avión ruso.
A proposta da Comisión ten que recibir a aprobación do Consello antes de poder entrar en vigor tras a súa publicación no Diario Oficial da UE.
Von der Leyen explicou que as restricións no espazo aéreo se aplicarán a aeronaves de propiedade rusa, fretadas ou controladas doutro xeito por unha persoa xurídica ou física rusa. España anunciou o peche nas últimas horas.
"Estes avións xa non poderán aterrar, engalar ou sobrevoar o territorio da UE. Isto aplicarase a calquera avión. Así que permítanme ser moi clara: o noso espazo aéreo estará pechado a todos os avións rusos e iso inclúe os avións privados dos oligarcas", afirmou Von der Leyen.
Frear a "maquinaria mediática do Kremlin"
A prohibición das emisións de Russia Today e Sputnik na Unión Europea vai dirixida a frear "a maquinaria mediática do Kremlin" e permitirá, dixo Von der Leyen, que os medios estatais e as súas filiais non poidan "difundir as súas mentiras para xustificar a guerra de Putin e para sementar a división na nosa Unión".
Sancións a Belarús
A UE tamén sancionará a Belarús por colaborar con Rusia na súa invasión de Ucraína mediante medidas de restrición das exportacións dos seus combustibles minerais, tabaco, madeira, cemento, ferro e aceiro. Tamén aos bens con dobre uso que poden empregarse con obxectivos militares.
"Ademais, sancionaremos os belarusos que axuden ao esforzo bélico ruso", apuntou Von der Leyen.
Bruxelas continuará coordinándose cos seus aliados para impoñer sancións, dixo Von der Leyen, que encomiou unha vez máis o "liderado" do presidente de Ucraína Volodímir Zelenski e a "extraordinaria valentía e resistencia" do pobo ucraíno.
"Son unha inspiración para todos nós. Acollemos cos brazos abertos os ucraínos que teñen que fuxir das bombas de Putin e estou orgullosa da cálida acollida que lles deron os europeos", concluíu a presidenta da Comisión, que compareceu acompañada do alto representante da UE para a Política Exterior Josep Borrell.
Protección temporal á poboación ucraína
Ademais, a UE concederá protección temporal a toda a poboación ucraína desprazada que chegue aos Estados membros fuxindo da guerra iniciada polo presidente de Rusia Vladimir Putin.
Unha "gran maioría" dos ministros de Interior comunitarios amosáronse a favor, na reunión extraordinaria deste domingo, de activar a directiva de protección temporal, aprobada en 2001 como resposta da UE á guerra dos Balcáns, pero que nunca se utilizou.
Esta normativa establece un mecanismo para afrontar as chegadas masivas de estranxeiros que non poden volver aos seus países por guerras, violencia ou violacións dos dereitos humanos, e concedería unha protección inmediata a todos os ucraínos desprazados durante un ano (prorrogable a outros dous anos).
Se finalmente sae adiante, os Estados membros terán que conceder a todos os beneficiarios da protección temporal un permiso de residencia. Deste xeito, terán dereito a traballar por conta propia ou allea, a acceder a programas educativos ou de formación profesional e a ter acceso a axuda social, apoio financeiro e atención médica, entre outras cousas.