Bruxelas aclara que o plan de recuperación prevé que España introduza peaxes nas autovías en 2024
Bruxelas aclara que o plan de recuperación prevé que España introduza peaxes nas autovías en 2024
Hai tres días a ministra de Transportes desmentía "categoricamente" ese compromiso con Bruxelas
O Goberno xa recoñecera que negociaba alternativas ao pactado
A Comisión Europea corrixiu este xoves o Goberno e confirmou que o plan de recuperación e resiliencia español aprobado por Bruxelas inclúe o compromiso de adoptar unha lei sobre mobilidade sostible e financiamento do transporte e de introducir un mecanismo de pago polo uso de estradas a partir de 2024, aínda que hai apenas tres días a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, o dementira "categoricamente".
"Entendemos que o plan español se refire a un mecanismo de pago polo uso das estradas que comezará en 2024 en liña co principio de 'quen contamina, paga'", confirmou en conferencia de prensa a portavoz económica da Comisión, Veerle Nuyts.
A medida foi anunciada hai unha semana polo director da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), Pere Navarro, e desmentida posteriormente pola ministra de Transportes, que daba por "resolta" a polémica xurdida arredor do posible pago dunha peaxe polo uso das autovías en España e desmentía "categoricamente" que se fose pagar.
Con todo, o Executivo comunitario confirmou que a medida aparece no plan que foi aprobado tanto por Bruxelas como polos estados membros e aparece ligado, en concreto, ao desembolso do quinto tramo do plan, que ascende a máis de 8.000 millóns de euros.
"Avaliaremos esta medida cando alcancemos a quinta petición de pago de España, así que non é unha discusión para hoxe", apostilou a portavoz da Comisión.
Así o recolle tamén o texto do plan ao que Bruxelas deu o seu visto e prace, onde se especifica que a medida ten o obxectivo de "internalizar os custos externos do transporte por estrada, creando a tal fin incentivos para lograr unha maior eficiencia neste sector e propiciando unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro".