Bruxelas recomenda abrir negociacións de adhesión a UE con Bosnia
Bruxelas recomenda abrir negociacións de adhesión a UE con Bosnia
Hai un ano que a Comisión Europea lle concedeu o estatuto de candidato a ser Estado membro
Segundo Von der Leyen, Bosnia está "a demostrar que pode cumprir cos criterios" comunitarios e coas aspiracións dos seus cidadáns para ser parte da familia europea
A Comisión Europea vai recomendar este martes abrir negociacións de adhesión con Bosnia e Herzegovina, algo máis dun ano despois de concederlle o estatuto de candidato a ser Estado membro, ao determinar que deu "pasos impresionantes" cara á UE nos últimos meses.
"A mensaxe que vén de Bosnia e Herzegovina é clara, así que a nosa mensaxe debe ser clara tamén: o futuro de Bosnia e Herzegovina está na UE", dixo este martes a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, perante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia).
Para Von der Leyen, aínda que Bosnia necesita progresar aínda máis antes de converterse en Estado membro da UE, o país está "a demostrar que pode cumprir cos criterios" comunitarios e coas aspiracións dos seus cidadáns para ser parte da familia europea.
"Alcanzouse un progreso maior en pouco máis dun ano que nunha década", subliñou Von der Leyen, que explicou que Bosnia está agora "completamente aliñada" coa política exterior e de seguridade da UE e está a tramitar leis como a de prevención de conflitos de intereses, contra o lavado de diñeiro ou para loitar contra o financiamento do terrorismo.
Ademais, segundo abundou a presidenta da Comisión, melloraron a súa xestión de fluxos migratorios, van incluír as sentenzas da Corte Penal Internacional nos seus rexistros criminais domésticos e puxeron en marcha unha comisión para seguir traballando pola paz.
Von der Leyen recoñeceu que a UE cambiou o seu enfoque cara aos Balcáns occidentais e que, no canto de esperarlles e "dicir que a porta está aberta", agora quere "asumir a responsabilidade e apoiar o seu camiño cara á UE de calquera xeito posible".
En decembro, os xefes de Estado e de Goberno da UE acordaran que se abrirían as negociacións con Bosnia e Herzegovina "unha vez que se alcance o grao necesario de cumprimento dos criterios de membresía".