Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bueu homenaxea as 21 vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo

Bueu homenaxea as 21 vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo

A familia do cociñeiro do barco, que faleceu no afundimento, descubriu unha placa no paseo de Pescadoira

G24.gal 18/03/2023 18:55 Última actualización 18/03/2023 19:11

"Sempre con nós aínda que sen vós" foi o final do texto que leron Lorena e Catia, as fillas de Fernando Santomé, o cociñeiro do Villa de Pitanxo que naceu en Bueu e faleceu aquel 15 de febreiro de 2022 en Terra Nova.

O seu cadáver foi un dos nove recuperados pero segue habendo aínda doce corpos no mar. Na placa que descubriron este sábado aparecen os nomes das 21 vítimas do naufraxio. 

"E tamén a xente que está no mar. Este é tamén un legado a toda a xente que está no mar, e a xente que pereceu no mar, que tristemente, dámonos conta no ano 2022 e 2023 que o trato e as neglixencias dos accidentes no mar non se tratan da mesma maneira que noutros eidos", conta María Xosé de Pazo, filla dun tripulante falecido e voceira das familias das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo. 

"Tamén para nós é importante que teñamos sempre presente no noso recordo e na nosa memoria as persoas que son vítimas de traxedias como esta. Pero tamén porque representan unha parte moi importante do que é a nosa vida como pobo. Somos un pobo mariñeiro, sabemos o que nos expoñemos cada vez que temos que saír ao mar", engade Félix Juncal, o alcalde de Bueu.

A localización do monumento de pedra mais a placa foi escollida pola familia de Santomé. O paseo de Pescadoría, diante do peirao de Atilio, era un lugar onde el paseaba nos días que non andaba ao mar. 

A armadora e o patrón do barco, un dos tres superviventes, están sendo investigados no procedemento que instrúe a Audiencia Nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade