Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os mariñeiros de Sada piden civismo aos mozos que xogan cos barcos do porto

Os mariñeiros de Sada piden civismo aos mozos que xogan cos barcos do porto

Algúns mozos que acoden ao peirao para bañarse desamarran os barcos ou soben neles para mergullarse

Porto de Sada
G24.gal 07/08/2024 16:12 Última actualización 07/08/2024 16:50

Os peiraos convértense no verán en lugares de esparexemento da mocidade malia ser zonas prohibidas para o baño. Pero as actividades de lecer poden ocasionar problemas como está a pasar en Sada. A rapazada desamarra barcos ou sobe sobre eles para mergullarse. Aos mariñeiros preocúpalles que estraguen os pesqueiros ou, peor, que haxa algún accidente.

A rapazada de Sada encontrou o seu espazo no pequeno peirao xunto á fábrica de xeo e a lonxa. Polas tardes xúntanse neste lugar para nadar, mergullarse e divertirse, coa praia máis próxima en malas condicións, chea de limo tras o cambio de correntes polas construcións portuarias. Pero as súas actividades comezaron hai tempo a amolar os mariñeiros ao ver que xogan cos amarres dos barcos e póñenos en perigo.

"Soben aos farois, métense nos barcos, arrían cabos e deixan os barcos ao pairo e outras veces amarran moi curto e cando baixa a marea o barco queda colgado. Non saben o dano que poden facer, se fan dano a un barco quen se fai cargo", explica Alberto Castro, secretario da confraría de Sada.

Os mariñeiros piden máis civismo e xa intentaron razoar con algúns pero cada tarde os que se achegan non son os mesmos. Este verán seica hai máis xente do normal neste peirao abrigado do nordés pero con pouco calado. Por iso advirten tamén dos posibles perigos físicos para os bañistas.

"Os perigos para eles mesmos porque se tiran dos farois e poden danarse. Denunciamos que teñen que portarse con civismo. Que todos o fixemos cando eramos pequenos pero non hai que facer dano. Teñen que ter un pouco de coidado", conclúe o secretario da confraría.

O baño está prohibido en todas as zonas portuarias pero é unha práctica común entre a rapazada local e foránea en case todos os portos galegos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade