Comeza a feira Culturgal en Pontevedra, contemplando máis de 200 actividades ata o domingo
Comeza a feira Culturgal en Pontevedra, contemplando máis de 200 actividades ata o domingo
Un cento de expositores e arredor de 500 artistas encherán o Recinto feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra
Este venres deu comezo en Pontevedra a décimo sétima edición da feira Culturgal. Trátase dun encontro centrado nas industrias cuturais e cunha ampla variedade de citas lúdicas para todos os públicos. Conságrase xa como unha das citas culturais máis importantes do ano.
Están contempladas máis de 200 actividades repartidas entre os tres días de feira. Culturgal contará con espectáculos, presentacións, mesas redondas e obradoiros e arredor de 500 artistas que farán acto de presenza na feira. O Recinto feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra acollerán tamén un cento de expositores.
A primeira xornada comezou cun espectáculo de Magín Blanco e Ghazafelos. Máis de 450 alumnos e alumnas de diferentes escolas da bisbarra gozaron de A nena e o grilo. Os escolares coincidiron na súa visita co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que participou na inauguración sinalando o "compromiso da Xunta coa produción cultural galega e en galego".
López Campos destacou o "bo momento" que está a vivir o sector, cun crecemento da produción e tamén do consumo cultural, que acada os 500 millóns de euros nos fogares galegos, segundo os datos do Consello da Cultura Galega que cifra en 36.800 as persoas ás que este sector dá emprego na Comunidade.
O conselleiro completou o seu acto cun coloquio coa mocidade gañadora das categorías de Novela, Poesía e Cómic do certame Xuventude Crea. López Campos animou á mocidade para aproveitar o seu potencial e talento creativo e "que o fagan empregando e prestixiando a nosa lingua".
Pola súa parte, o presidente de Culturgal, Víctor López, subliñou a importancia de seguir avanzando na profesionalización deste evento e no incremento dos seus orzamentos, para garantir unha feira que combine o papel da cultura como expresión espiritual e como motor económico.
Dezasete edicións ao lombo
A Ultranoite Cultureta de Chévere, o adianto do novo espectáculo de Ibuprofeno Teatro, o concerto da Orquestra Bravú Xangai, a proxección de dez de películas, unha área completa dedicada a videoxogos desenvolvidos en Galicia, actividades de carácter divulgativo gastronómico, son algunhas das propostas destacadas do programa desta décimo sétima edición.
Na mañá deste venres o alumnado de quinto curso de Grao Profesional da especialidade de Danza Contemporánea do Conservatorio de Danza de Lugo puxo en escena a obra Glass, de Isabelle Beernaert, preparada pola profesora Alba Felpete, en colaboración co alumnado de Xestión Cultural dá Universidade de Santiago de Compostela.
A Facultade de Belas Artes de Pontevedra puxo en marcha unha performance e desenvolveu o Encontro de Formación e Innovación en Circo e da Asociación de Profesionais do Circo en Galicia (APCG) que anunciou o Novo Censo de Circo Galego, o primeiro arquivo dixital da historia do circo de Galicia e os Premios Manu Lago de Circo, cunha gala que terá lugar o 10 de decembro ás 20:30 horas no Teatro Principal de Compostela.
Na tarde deste venres, a cooperativa Maxia na Manga ensinará pequenos e grandes a ser auténticos magos profesionais mentres que no Espazo Arte os debuxantes Fernando Iglesias (Kohell) e Miguelanxo Prado amosarán en directo o seu proceso creativo, ao mesmo tempo que o coreógrafo Artur Puga impartirá os seus primeiros obradoiros de danza.
Tamén se presentará a reedición do libro Filla das Ondas, escrito por Fina Casalderrey e ilustrado por Xosé Cobas, e poñerase en escena o novo espectáculo da compañía A Feroz. Ás 21 horas exhibirase o documental Bravú XXX no Auditorio do Pazo onde tamén actuará a Banda Xangai e as pontevedresas Rager para poñer fin a esta primeira xornada do Culturgal 2024.