Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 80 equipos de maquinaria e 387 profesionais velarán pola seguridade das vías autonómicas no inverno

Máis de 80 equipos de maquinaria e 387 profesionais velarán pola seguridade das vías autonómicas no inverno

Nos máis de 5.500 quilómetros de rede autonómica de estradas, uns 972 detéctanse como susceptibles de ter problemas por neve

Allegue esta mañá cos equipos do plan invernal (XUNTA DE GALICIA/EUROPAPRESS)
G24.gal 29/11/2024 15:34

A Xunta despregará ata o 30 de abril máis de 80 equipos de maquinaria, 387 profesionais e unhas 5.365 toneladas de fundentes (sal e salmoira) para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante as inclemencias do tempo.

Foi a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, a que presentou este venres o plan de viabilidade invernal para a rede viaria autonómica, que se articula a través de 26 centros operativos nas catro provincias.

Segundo recolle o Goberno galego nun comunicado, trátase dun operativo "fundamental" para garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 quilómetros de rede autonómica de estradas, dos que uns  972 se detectan como as vías máis susceptibles de ter problemas por neve.

Allegue explicou que as choivas, a formación de placas de xeo ou a aparición de neve son elementos habituais nesta época en Galicia, polo que é importante contar non só cos medios humanos e materiais necesarios, senón tamén cun protocolo adecuado para que resulte eficaz.

Así, o plan contempla as medidas preventivas para tratar de anticiparse aos contratempos que se poidan producir, así como medidas paliativas para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Tamén establece protocolos de actuación, con especial vixilancia nas vías para detectar incidencias e dar información permanente aos usuarios, cuxo obxectivo é "vixiar e atender as 24 horas as incidencias que se poidan producir".

Piden ademais colaboración para rebaixar riscos: convén consultar sempre o estado das estradas antes de saír, e dar aviso ao 112 se detectan algunha incidencia na rede viaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade