Buscan a quen pintou liñas descontinuas nos cruzamentos de Vilalonga, en Sanxenxo
Buscan a quen pintou liñas descontinuas nos cruzamentos de Vilalonga, en Sanxenxo
Pola noite, coa brocha e con pintura negra, modificou tres cruzamentos na rúa do Vilar
Trátase dun delito contra a seguridade viaria que podería implicar ata dous anos de prisión e 300.000 euros de multa
Entre seis meses e dous anos de prisión e ata 300.000 euros de multa son as sancións ás que pode enfrontarse o presunto autor ou autores do repintado dunha estrada en Sanxenxo. Actuou en tres cruzamentos da rúa do Vilar en Vilalonga, onde están rematando as obras de remodelación.
Coa reforma chegou a liña continua, pero a alguén non lle debeu de parecer ben e, brocha na man, volveuna facer descontinua.
"Cando saín de aquí ás oito e media acababan de pintar a calzada, e ao día seguinte pola mañá xa estaba pintada de negro", relata Diana, que ten un comercio nesa rúa.
Quen o fixo actuou de noite. Pensaría que así podería evitar o quilómetro de volta que hai entre os dous cambios de sentido.
O caso é que a súa acción constitúe un presunto delito contra a seguridade viaria e pode implicar sancións importantes:
"Pode levar penas de seis meses a dous anos, e tamén multas de ata 300.000 euros", explica Abelardo Martínez, policía local de Sanxenxo.
"Hai que darse de conta de que iso é un delito e que pode poñer en grave perigo outros usuarios da vía", engade.
Policía Local e Garda Civil investigan os feitos. Están revisando as cámaras de seguridade que hai na zona, e parece que van estreitando o cerco sobre o presunto responsable:
"Creo que está bastante pechado o círculo", di Martínez.
A chuvia impediu reparar a calzada ata agora, pero contan poder facelo xa e restituír a liña continua para evitar riscos na estrada.