Publicador de contidos

Publicador de contidos

Retómanse este domingo os labores de busca do mariñeiro que caeu ao mar cando pescaba na súa embarcación en Bueu

Retómanse este domingo os labores de busca do mariñeiro que caeu ao mar cando pescaba na súa embarcación en Bueu

Varios particulares alertaron de que unha persoa caeu dunha embarcación e esta atopábase dando voltas

O dispositivo de busca conta con varios mergulladores
G24.gal 15/02/2025 15:43

Este domingo, coa luz do día, continuará a busca dun home de 71 anos que caeu ao mar desde a súa pequena embarcación de pesca en Bueu. Os mergulladores marcaron a tarde do sábado a zona na que os veciños o viron caer e fixeron varias inmersións durante horas sen éxito.

Eran as dúas e dez da tarde cando o 112 recibiu varias chamadas alertando de que un home caera á auga desde a súa pequena embarcación de pesca. Foron moitos veciños os que puideron ver a súa dorna xirar sobre si mesma e o home intentar subir a bordo. Puideron velo desaparecer, afundirse na auga, desde distintos puntos, desde as praias urbanas da vila como Petís ou a Pescadoira.

O home é moi coñecido porque é un mariñeiro xubilado que habitualmente pescaba a pouco máis de 200 metros do paseo de Bueu. Chámase Manuel Otero López, O Sardiña, e ten 71 anos. Os mergulladores inspeccionaron a zona onde se afundiu pero a pouca visibilidade e o mar de fondo dificultaron o seu traballo durante toda a xornada. 

O corpo de Manuel, de 71 anos, podería estar no lugar onde os veciños que alertaron ao 112 o viron afundirse. Caeu desde o seu barco de pesca. A uns 400 metros desde o peirao de Bueu en dirección Marín.

Desde as tres da tarde ata que non houbo luz traballaron na súa busca Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia e da Garda Civil, que aportou o equipo de mergulladores do GEAS. O mar de fondo e a pouca visibilidade fixo que a busca fora infructuosa nestas primeiras horas. O domingo continuarán coa busca. 

"Continuarán nas próximas horas para intentar recuperar o corpo. Agardar que sexa o máis rápido posible para que a familia poida tamén pasar a estar a carón del, acompañalo, e pasar esta dor tan dura nestas horas tan difíciles. Non nos acostumamos a este tipo de situacións, momentos tremendamente dolorosos para a familia, á que lle amosamos as nosas condolencias nun momento tan duro e tan tráxico", conta a TVG Félix Juncal, alcalde de Bueu.

A familia de Manuel seguiu as operacións da busca do corpo desde o peirao de Bueu, por detrás da lonxa. A poucos metros deles a embarcación dende onde caeu ao mar o desaparecido, quedou amarrada a terra.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade